DERRIBO DUNHA CASA EN XERUSALÉN


O derribo, o pasado 5 de novembro, dunha casa construída ilegalmente nun barrio árabe de Xerusalén suscitou unha protesta oficial de Francia en nome da Unión Europea. Con todo, o Concello de Xerusalén afirma non estar motivado de ningunha maneira por consideracións políticas.

Mércores 5 de novembro no barrio de Shiloah, cerca do Monte do Templo, na parte oriental de Xerusalén, as autoridades municipais israelís procederon á destrución dunha casa árabe construída ilegalmente. Tendo en conta a viva oposición manifestada por un xentío de mozos palestinos que lanzaban pedras contra os obreiros, a policía viuse obrigada a actuar para asegurar a operación. A pesar de que o fenómeno das vivendas construídas sen permiso toma amplitude en Xerusalén, os derribos son relativamente pouco frecuentes. Con todo este caso preciso sensibilizou á Unión Europea até o punto que esta, a través da súa Presidencia francesa, desexou condenar o acto nun comunicado: "A Unión Europea expresa a súa profunda preocupación ante as operacións de destrución de casas palestinas levadas a cabo estes últimos días polas autoridades israelís en varios barrios de Xerusalén-Este", di o texto. "A Unión Europea recorda que estas operacións, que afectan seriamente á vida dos habitantes destes barrios, son ilegais segundo o dereito internacional e pide ás autoridades israelís pór fin a estas canto antes". "Neste contexto, a Unión Europea fai un chamamento a Israel a absterse de toda medida unilateral que poida influír no resultado das negociacións sobre o estatuto final, en particular de Xerusalén", conclúe o comunicado. Despois de investigar o suceso, GuysenNews decatouse de que se trataba dunha construción situada entre un terreo vago e un aparcadoiro. Os proprietarios da casa non posuían licenza de obras e recibiran a orde de cesar os traballos ilegais. Impugnando esta demanda, os proprietarios dirixíronse no seu momento ao tribunal de distrito que confirmou a validez da orde de demolición. Decepcionados pola decisión da xustiza, presentáronse a continuación ante o tribunal supremo que á súa vez xulgou ilegal a construción da casa. De acordo coa lexislación israelí, a orde de destrución volveuse executoria despois da decisión do tribunal supremo. A tarefa corresponde en principio aos proprietarios da casa, pero estes últimos negáronse a facerse cargo eles mesmos. As forzas da orde tiveron que cumprir esta misión. "Desgrazadamente non tivemos outra opción que derribar a casa", explicou a GuysenNews o portavoz municipal de Xerusalén. á pregunta se hai desigualdade no trato entre os habitantes xudeus e árabes de Xerusalén, o portavoz recordou que hai algúns meses, os servizos do municipio derribaron un edificio de 4 andares construído ilegalmente preto de Majané Yehudá (mercado situado en pleno centro cidade). "A lei é absolutamente a mesma para todos. Son precisamente consideracións políticas as que impiden ou atrasan xeralmente a súa aplicación", afirmou o portavoz municipal. A Presidencia francesa da Unión Europea procedera a estas mínimas comprobacións elementais antes de facer pública a súa declaración chea de demagoxia? Parece que non, desgrazadamente non.

Comentarios