Onte mércores tivo lugar a presentación do programa da “Xornadas europeas da cultura xudía” a celebrar nesta vindeira fin de semana en Tui; na rolda de prensa participaron o alcalde tudense, Antón F. Fernández Rocha, o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, e a concelleira de turismo e medio ambiente, María Xosé Rosada Silva.
Por vez primeira a cidade de Tui participará nas actividades que na primeira fin de semana de setembro se organizan baixo a denominación de “Xornada Europea da Cultura Xudía” e que acadan neste ano a súa novena edición. Estas actividades están organizadas en España pola Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, que agrupa a diversos municipios españoles que conservan testemuñas da presenza do xudeus na súa historia. O Concello de Tui está interesado en sumarse a esta agrupación de municipios e coma primeiro paso neste proceso promove a celebración desta xornada que abrangue dúas visitas guiadas ao longo desta vindeira fin de semana.
O principal obxectivo desta xornada, que se celebra en toda Europa nesta mesa data, é promover o coñecemento e o achegamento ao patrimonio xudeu que se conserva nas nosas cidades, o legado histórico de Sefarad e as xentes que o habitaban.
Para a cidade de Tui a celebración destas xornadas é un novo xeito de poñer en valor o noso conxunto patrimonial, que salienta non soio pola amplitude da súa superficie senón polos vestixios que agocha no seu interior, moitas veces incluso descoñecidos para os propios veciños de Tui.
O programa previsto é o seguinte:
Sábado, 6 de setembro de 2008 – 12,30 h.:
Visita “in situ” aos “sambenitos” do Museo Diocesano de Tui” a cargo de Jesús Casás Otero, director do Museo
Domingo, 7 de setembro de 2008 - 12,30 h.:
Visita guiada aos vestixios xudeos no conxunto histórico de Tui, a cargo de Suso Vila Botanes, historiador. Inicio da Porta da Pía.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración destas xornada sobre a cultura xudía patentiza nunha nova oportunidade o importante traballo que dende o Concello desenvólvese para a posta en valor do patrimonio cultural tudense e para a súa difusión. Cabería lembrar o programa de visitas didácticas para escolares celebrado na pasada primavera, ou a celebración das “Xornadas europeas de Patrimonio” que este ano terán lugar nos días 20 e 21 de setembro, logo do éxito acadado na edición do pasado ano.
De seguido a concelleira de turismo e medio ambiente, amáis de amosar a súa satisfacción pola celebración deste evento reclamou a colaboración do veciños da nosa cidade para a posta en valor do noso patrimonio, en concreto, insistiu en solicitar a colaboración veciñal para a súa limpeza, especialmente usando os contedores soterrados e non depositando o lixo noutros lugares ou colaborando na erradicación das pintadas denunciando aos seus autores.
Pola súa banda o Alcalde tudense alabou ambas iniciativas (a celebración das xornadas e petición de colaboración veciñal) pois contribuien a conservación e posta en valor do patrimonio cultural da cidade de Tui.
Coa celebración desta xornada sobre a cultura xudía rescatáse do esquecemento a importante aportación que esta comunidade realizou á vida e a historia da nosa cidade ao longo de moitos séculos. Coas visitas guiadas organizadas e a cargo de recoñecidos especialistas os asistentes poderán achegarse ao coñecemento deste aspecto da historia tudense, pois Tui é un dos principais enclaves da presenza xudía no Noroeste hispánico, aínda que as veces este coñecemento fique restrinxido ao ámbito de especialistas. Con estas actividades pretendese a difusión destes aspectos que contribuirán á valorización da historia tudense e dos monumentos que se conservan como testemuñas desta evolución histórica.
Comentarios