QUEN É TZIPI LIVNI







Tzipi Livni naceu en Tel Aviv o 5 de xullo de 1958. Ate hoxe foi a ministra de Asuntos Exteriores e viceprimeira ministra. É a segunda muller, tras a lexendaria Golda Meir, en ocupar a carteira de Exteriores. Figura emerxente da política non só israelí, estaba xa considerada o número 2 do Goberno, tras o ex-primeiro ministro Ehud Olmert. Livni é filla de Eitan Livni, un inmigrante polaco que tamén chegou no seu momento a ser membro da Knesset polo Likud. Foi tenente no Tzahal (Forzas de Defensa de Israel) e formou parte do Mossad a principios dos anos 1980. Está diplomada en Dereito pola Universidade de Bar Ilan na especialidade de dereito público e comercial. Desde que conseguiu o seu escano na Knesset polo Likud no ano 2001, desempeñou diversas carteiras ministeriais, como a agricultura, a de cooperación rexional e a de inmigración. Desde o 10 de xaneiro de 2005 ocupou o cargo de Ministra de xustiza. Moi valorada tanto pola esquerda como pola dereita israelí, Livni recibiu o premio "Goberno de Calidade" do ano 2004 que se outorga á figura máis destacada no seu exercicio. Livni apoiou sen fisuras o plan de retirada unilateral israelí da franxa de Gaza, unha iniciativa proposta e aplicada por Ariel Sharon, e estaba xa daquela considerada coma unha das principais lideres centristas do Likud. A miúdo tivo que mediar entre os elementos máis extremos e menos dentro do seu propio partido, e gañou grande popularidade por mor dos seus esforzos por conseguir que a Knesset aprobase a retirada de Gaza. O 12 de novembro de 2005 foi a primeira política da dereita israelí que participou na conmemoración oficial do décimo aniversario do asasinato de Isaac Rabin. O 20 de novembro de 2005 Livni seguiu os pasos de Ariel Sharon, saíndo do Likud e uníndose ao seu novo partido centrista, o Kadima..Tras o derrame cerebral que sufriu Ariel Sharon o 4 de xaneiro de 2006, que o deixou incapacitado para seguir no cargo, algúns especularon con que Livni podería ser a nova presidenta do Kadima. Con todo, foi Ehud Olmert finalmente o elixido para liderar o partido, aínda que non tiña nin o carisma nin a popularidade de Livni. Tras formar un novo goberno en marzo de 2006, Olmert nomeou a Livni viceprimeira ministra e ministra de Asuntos Exteriores, o que converteuna na numero dous do goberno encabezado por Olmert. O 30 de xullo pasado e tras o anuncio do primeiro ministro, Ehud Olmert de non presentarse ás internas do seu partido Kadima Livni era xa a favorita para suceder a Olmert á fronte do partido e do goberno. Coa súa vitoria de hoxe nas primarias do Kadima, convírtese na segunda muller en chegar a ser Primeira Ministra, despois da lexendaria Golda Meir. Livni vive en Tel Aviv. Está casada e ten dous fillos.
Mazel Tov!
Máis información:

Comentarios