HAMÁS, CAUSA COMÚN DE XUDEUS E PALESTINOS


Por Yashmina Shawki *

Tirado do xornal La Voz de Galicia (07.08.08)

A fileira de palestinos cos ollos vendados, as mans atadas ás costas e en roupa interior é a imaxe máis recente do enfrontamento entre os seguidores de Al Fatah e os de Hamás. Aínda que parece humillante tratar así a algo máis de cen homes que estaban en territorio xudeu, non por gusto senón para salvar a súa vida, o certo é que a seguridade así o esixía. Se os xudeus lograron sobrevivir a seis decenios de guerra foi grazas ao celo co que se aseguran de que os palestinos non portan armas. Pregúntome que opinaría o defunto Yaser Arafat ao ver ao inimigo xudeu protexendo aos palestinos membros do partido que el fundou, Al Fatah, da persecución dos palestinos de Hamás. Probablemente pensaría que o mundo se volveu tolo e, non estaría equivocado. Aínda que só sexa unha nova etapa no conflito polo control dos territorios ocupados que enfronta aos seculares de Al Fatah cos islamitas de Hamás, non deixa de ser paradoxal. Al Fatah non aceptou a vitoria de Hamás nas eleccións do 2006. Saben que se Hamás gañou foi porque os palestinos votárono minimizando a importancia do seu radicalismo islámico para primar a loita contra a corrupción e a repartición de bens de primeira necesidade entre a maltratada poboación palestina. A rede social que todas as organizacións fundamentalistas islámicas utilizaron como cebo para a captación de adeptos naceu coa histórica asociación exipcia dos Irmáns Musulmáns, pero alcanzou a súa máxima proxección política en Palestina con Hamás e no Líbano con Hezbolláh. Estas entidades aproveitaron o respecto gañado pola provisión de alimentos, asistencia sanitaria e protección aos máis desfavorecidos, para educar ás novas xeracións nun rigorismo coránico, incorporando a morte «pola causa» como parte fundamental do seu culto. Hamás nega estar detrás dos atentados contra Israel pero non pode ocultar que son os seus cachorros teledirixidos os que se suicidan matando xudeus. Así as cousas, poida que non estea afastado o día en que os palestinos, sexan ou non seguidores de Al Fatah, se alíen cos xudeus para loitar contra un inimigo común xurdido das súas entrañas: o cancro fundamentalista islámico representado por Hamás.

* Yashmina Shawki é filla de galega e kurdo. Naceu en Vigo e viviu ate os dezaoito anos a cabalo entre Galicia e Iraq. Licenciouse en Dereito e Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. Dende entón compaxina a súa vocación literaria coa súa labor profesional na empresa privada. Colaboradora habitual en prensa dende 1997, é columnista en La Voz de Galicia dende o ano 2001, e participa en diversos programas de radio e televisión como especialista en temas de Medio Oriente.

Comentarios