A ESTRELA AZUL DO BNG


Por Pedro Gómez-Valadés

Hai uns días presentaba o BNG unha nova campaña de márketing na que a estrela do seu logotipo mudaba a súa tradicional cor vermella polo azul celeste. Neses mesmos días, o portavoz nacional do BNG, tamén vicepresidente da Xunta, afirmaba con aparente seriedade que "o proxecto do BNG ten que acoller a todos os galeguistas". ¿É críbel o BNG e o seu actual portavoz cando fai afirmacións como esta? Ao meu ver lamentablemnete non. E non pode ser críbel este chamado á moderación nas formas, á acollida calorosa aos galeguistas que non son nin están no BNG, polo simple e rotundo feito de que este moderado BNG case ao mesmo tempo que se pon o vestido azul, tira a careta con actitudes totalitarias impropias dunha organización que, non o esquezamos, cogoberna na Galiza e di pretender recoller a todos os galeguistas que ate hoxe non confían na fiabilidade das súas propostas. Porque cando aló polo mes de marzo do pasado ano principiou o meu proceso de expulsión do BNG, inxenuo de min, pensei que era só cousa de trasnoitados talibáns enxebres na procura das esencias nacional-populares. Mais o tempo e os meses de acoso e derribo deixaron en evidencia que non era só unha boutade, non, que era parte da política, seica innegociábel, na garda das esencias de non sei que. Non reiterarei o inaceptábel da intromisión na miña vida privada que supuxo a miña expulsión do BNG, por mor de presidir unha asociación de amizade e discrepar da visión que do conflito no Medio Oriente poida ter gran parte da organización. É inaceptábel que unha organización poida por unha banda, afirmar querer recoller a todo o galeguismo e pola outra, non admita no seu seo a quen poida ter unha opinión diferente nun problema de política exterior. É aterrador que o portavoz nacional -e actual vicepresidente da Xunta- non manteña a súa palabra dada, e proceda a avalar a miña expulsión. Até agora só a miña pero non dubido de que a diana está posta nos compañeiros e compañeiras do BNG que son tamén socios da Asociación Galega de Amizade con Israel. E digo aterrador con plena consciencia da dureza da palabra. Porque aterra en verdade imaxinar o que un BNG secuestrado por trasnoitados estalinistas xudeófobos puidera facer de ter algún día a maioría suficiente para poder actuar sen caretas azuis.

Comentarios