UN DRAGÓN NO CORAZÓN DO BNG


Por César Pazos Carreiro*

Faro de Vigo 01.05.08

Quero erguer hoxe a miña voz en defensa da Democracia. Quero erguer hoxe a miña voz, como moitas outras veces fixen en defensa de Galiza, para denunciar desta vez, a grave perda de democracia interna dentro do BNG. Democracia non é só votar. Democracia é o libre pensamento, participar, ter dereito a organizarse e como consecuencia delo poder votar. Sin represións por manifestar o que pensas.

Na Democracia non hai preguntas e respostas prohibidas, non hai temas demasiado sensibles ou delicados para ser explorados, non hai verdades sagradas. Pedro Valadés, eu e 50 militantes máis pensamos que, no tema de Oriente Medio, Israel leva a razón. Nós cremos que o pobo Israel ten dereito a existir e existir en Paz.

Vivimos en sombras dentro do BNG. Quero espantar esas sombras prendendo unha vela, para que todas e todos os cidadáns galegos poidamos presenciar como se expulsa a un patriota galego por exercer o dereito a pensar e opinar con iniciativa propia. Pedro Valadés é repudiado por algúns dirixentes do Bloque por pensar e decir, que nun conflicto internacional de Oriente Medio, o pobo de Israel ten razón ao reclamar o dereito a existir. Pedro Valadés é expulsado por crear unha Asociación Galega de Amizade con Israel. AGAI.


Como patriota galego, sinto que, Israel é un exemplo a seguir. O Sionismo, o nacionalismo Israelí, conquire ao saír de Auswichtz recuperar a súa patria, a súa fala, a súa historia, xuntar os seus fillos e o máis importante, conquire a Democracia. Israel é un pobo democrático.

Temos un monstruo dentro do BNG. Un Dragón no corazón dalgúns dirixentes con pingallas antisemitas. ¿Que é se non, os aplausos histéricos a favor do bombardeo nuclear do pobo de Israel, producidos dentro dunha organización pacifista como o BNG? ¿Que é se non, negarse a condenar o Holocausto no parlamento galego con malas excusas? O Holocausto condénase e punto. ¿Por que se advirte? “cuidado co que se fala que sae nos medios” . Cuidado ¿de que? ¿De que razóns non se pode enterar os cidadáns galegos?.

Sinto vergonza. Levo militando no Bloque 31 anos, como consecuencia directa de ser galego eu son nacionalista. Son home de esquerdas. Pero costame respirar cando alguén aplaude un bombardeo nuclear, ou negase a condear o Holocausto, ou se expulsa a alguén por ser amigo dos xudeos.

Loitarei para ter un BNG democrático. Loitarei contra ese Dragón que algúns do BNG levan dentro do peito. Shalom.

* Membro do Consello Local do BNG de Vigo

Comentarios