E O MUNDO CALABA...


Por Julián Schvindlerman

A retórica anti-israelí do réxime dos aiatolás xa era extrema, pero desde o asasinato do seu paladín-terrorista Imad Mughniyeh non fixo senón empeorar. Así, o xefe da Garda Revolucionaria, Muhamad Alí Safari, afirmou que "o tumor canceríxeno Israel desaparecerá pronto" por obra e graza da "radiación dos loitadores de Hezbola" (nótese a alusión ao nuclear). Mahmud Ahmadinejad cualificou ao Estado hebreo de "sucio microbio" e de "animal salvaxe", mentres que o presidente do Parlamento iraniano, Gholan Reza Haddad, proclamou que o futuro da "entidade sionista" será "peor que o seu presente". Pola súa banda, o xefe das Forzas Armadas, xeneral Hassán Firuzabadi, chamou á "destrución completa do réxime sionista" e á "liberación de toda a terra de Palestina". Así mesmo, o líder de Hezbolá, Hassán Nasrala, advertiu de que "o sangue de Mughniyeh anuncia o fin de Israel", e os seus irmáns en armas de Hamás instaron ao mundo musulmán a "levantarse" para "facer fronte ao demo sionista". En canto ao xefe de Al Qaeda en Iraq, Abú Omar el Bagdadi, ofreceu o territorio iraquí como "plataforma de lanzamento" para a toma de Xerusalén. Polo momento, Teherán optou por responder ao asasinato do seu máximo xefe terrorista cunha retórica feroz, non coa violencia física. Polo momento, claro. Non debe haber lugar para a indulxencia: a linguaxe que manexan os terroristas é o do terror, e Nasrala proclamou a "guerra aberta" contra Israel. Coma se non estivese niso desde hai tanto tempo. Coma se xamais disparase foguetes Katyusha contra o norte do Estado xudeu, secuestrado soldados das IDF, atacado obxectivos xudeus e israelís na República Arxentina... Sexa como for, as prioridades da dirección de Hezbolá fican claras. Para empezar, necesita reforzar o ánimo dos seus loitadores tras a perda do seu querido Mughniyeh, de aí as grandes doses de fervor anti-israelí, as promesas de vinganzas redentoras e vitorias apocalípticas. Logo, Inshalá, asestarán o golpe fulminante. Poida que a morte de Mughniyeh non sexa cousa de Israel, senón do propio submundo terrorista, ou ate que Siria estivese implicada, como suxeriu o director da Intelixencia Nacional norteamericana, Mike McConell. Pouco importa todo isto: o que importa é que brindou a Irán e a Hezbolá a escusa perfecta, o motivo ideal, para dar renda solta aos plans nefastos que teñen reservados para Israel e os xudeus desde hai tempo. Cal testemuña involuntaria na escena do crime, o mundo enteiro, salvo Estados Unidos, elixe mirar para outro lado. Desde Beirut, Teherán, Gaza e Bagdad, os fundamentalistas chaman ao asasinato en masa de israelís, e o mundo permanece calado. Xerusalén pediu ao Consello de Seguridade de Nacións Unidas que condene a Irán por incitar pública e abertamente á comisión dun xenocidio, algo que viola a Convención para a Prevención e o Castigo do Crime de Xenocidio, da que máis de 130 nacións son signatarias, entre as que se conta, traxicómicamente, a propia Irán. A denuncia do réxime iraniano non só é un imperativo moral, senón unha obriga legal, dado que os asinantes da Convención teñen "non só o dereito, senón a responsabilidade, de aplicala, particularmente no referido á prevención do xenocidio", segundo explicou Irwin Colter, profesor universitario e ex ministro de Xustiza do Canadá. Farano?, preguntábase recentemente o Jerusalem Post nun editorial. Alzarán as súas voces as nacións do mundo libre, agora que acaba de celebrarse o Día Internacional para a Lembranza do Holocausto, contra unha entidade que ameaza aos xudeus cun segundo Holocausto? Tan baixo caeu a dignidade humana que o Estado xudeu debe pedir formalmente á ONU que emita unha protesta elemental? Velaiquí a soidade de Israel, e a dupla rapadoira da sociedade internacional. Segundo datos tomados da prensa israelí, a compañía francesa Total, a norueguesa Statoil e a chinesa Petro China levan anos investindo nos sectores petroleiro e gasístico iranianos. A multinacional alemá Siemens posúe operacións en Irán por valor de máis de 500 millóns de dólares, e por 300 millóns a francesa Alcatel (aínda que este monto inclúe tamén actuacións en Libia e Sudán). A austriaca Steyr-Mannlicher vendeu rifles a Teherán en 2006. En xaneiro de 2007, a holandesa Shell uniuse á española Repsol para desenvolver áreas petrolíferas en Irán por un valor de 10.000 millóns de euros. En abril do mesmo ano, Irán e a compañía austriaca OMV asinaron un acordo comercial valorado en 22.000 millóns. Durante os primeiros dez meses de 2007, Alemaña exportou á terra dos aiatolás por valor de 3.500 millóns. O 40% do comercio exterior iraniano ten a Europa por destinatario... Teño na miña biblioteca un exemplar do libro "E o mundo calaba", de Eliézer Wiesel. Escrito en yiddish, ten 253 páxinas, está impreso en Buenos Aires (pola Unión Central Israelita Polaca) en 1956. Escribín esta columna con este ensaio conmovedor e inesquecíbel ao meu carón, e ao orientar a miña atención unha vez máis cara a Europa, comprobo con pesar como foi posíbel que o mundo permanecese calado perante o asasinato en masa dos xudeus daquel continente.

Julián Schvindlerman, analista político e autor de TIERRAS POR PAZ, TIERRAS POR GUERRA.

Comentarios