Pan por Pan
Hai unhas semanas o BNG cometeu unha grave torpeza ó propoñer no Parlamento Galego un texto sobre o Holocausto que nin sequera menciona os xudeus, vítimas principais da barbarie racista nazi, e que ademais propugnaba mesturar esta condena cunha avaliación política do actual conflito palestino-israelí: isto é, allos con bugallos, por usar unha expresión suave. A cousa provocou xa algunha dimisión no BNG. E chove sobre mollado porque o debate vén de atrás.O problema, como era de agardar, foi a máis. Provocou a reacción dos medios máis ultraconservadores do Estado contra o BNG e tamén protestas sensatas de personaxes como Pilar Rahola ou o embaixador de Israel. Eu teño claro que o nacionalismo galego está moi lonxe do horror nazi e por iso non entendo por qué non se aprobou unha moción de consenso como xa se fixera, segundo creo, o ano pasado. Alguén quixo forzar as marxes e impoñer as súas dogmáticas teses de política internacional? Por riba, Aymerich complicou onte as cousas, aludindo ó “ouro de Moscú” (agora sería de Israel) e a un conflito persoal cun militante. Unha linguaxe que non se corresponde co BNG que se quere presentar en público. E que pode custar votos.
Comentarios