Por Manuel Jabois
Publicado en L-V
A negativa do BNG a condenar o Holocausto se non se inclúe no documento a repulsa da ocupación militar de Palestina é un movemento fabuloso que corre en dúas direccións: a electoral, porque en España nada lle dá máis votos ás esquerdas nacionalistas que os insultos da dereita episcopal; e a inmoral, porque a postura deste portavoz Aymerich consegue bater récords de inmundicia nun país xa afeito a tales cousas. “É por iso que”…, presenta o BNG despois de recoñecer o malo que foi o Holocausto para mandarlle un recado ao Estado de Israel. “¿Xa estaban planeando a ocupación de Palestina no gueto de Varsovia?”, pregunta un intelixente co-mentarista de Vieiros. O texto que quería propoñer o BNG é dun racismo xa non impropio dunha democracia, senón da especie humana: mataron millóns de xudeus, pero os xudeus tamén están a matar agora. “E por iso que…”, di axitando o dedo o portavoz nacionalista, nun exercicio de incultura que, ben visto, ten máis de sectarismo que de racismo. A simpleza argumental, no entanto, anima tamén os militantes de base (de moita base: básicos), que apoian a postura nacionalista cunha coartada intelectual de altura: “fica clara a cousa. PP-Ultradireita mediática-AGAI por unha banda e o BNG pola outra”, di outro comentarista en Vieiros. E pregunta, sobrevoando o debate: ¿cantos millóns máis de mortos necesita o Bloque Nacionalista Galego para non condicionar a condena dun exterminio?
Comentarios