A IGNORACIA DE AYMERICH


F.P.C.

Publicado en GALICIA-HOXE (14.02.08)

A imaxe de Carlos Aymerich quedou en dúbida, ao demostrar unha soberana ignorancia histórica e unha enorme torpeza política cando impediu que no Parlamento Galego se aprobara unha declaración institucional de condena do Holocausto. O 27 de xaneiro celébrase todos os anos no mundo enteiro, instituído pola ONU, o Día Internacional de Lembranza das Vítimas do Holocausto. Ayme­rich evitou que se aprobara esa resolución por parte das tres organizacións políticas galegas representadas no Parlamento, porque segundo el cumpría que se engadise á mesma unha condena dos ataques actuais de Israel contra Palestina. Nunca mellor aplicado a este caso o dito popular de "confundir o touciño coa velocidade". Só desde a ignorancia da historia se pode vincular o Holocausto co Estado de Israel. Porque nin sequera as vítimas principais da barbarie nazi eran israelís, senón cidadáns xudeus de distintos países europeos. Alén diso, a creación do Estado de Israel -1947- foi posterior á persecución e ao exterminio dos xudeus europeos, ocorrido nos anos 30 e no primeiro lustro dos anos 40. Que culpa teñen os pobres xudeus masacrados polos nazis das falcatruadas que poida cometer hoxe en día Israel cos palestinos? Torpeza política é deixar mal o nacionalismo galego no interior e con posíbel e inxusta sona de antisemita no exterior, por non condenar un dos feitos máis espantosos da historia, e por prexudicar gravemente a súa organización ao montar de xeito gratuíto este escándalo en plena precampaña electoral. Alguén da executiva nacionalista lle pedirá contas por este gravísimo erro? Aymerich, coñecido "quintanista", defensor no primeiro momento do plus dos altos cargos, de xeito contraditorio coa súa praxe e pertenza, acostuma a erguer o puño nos actos aos que asiste. Quizais tamén con actitudes así tenta reconciliarse con certa militancia nacionalista veterana e nuclear. Isto non pode querer presupoñer pola súa parte algo tan grave como é a simpleza da base militante bloqueira que non se decataría das demagoxias?

Comentarios