Por Ángeles Espinosa
O Goberno de Irán silencia ás súas mulleres. Pechada a revista feminina "Zanan" por criticar ao réxime islámico.
A axencia Fars, próxima aos conservadores iranianos, anunciou onte o peche da revista Zanan (Mulleres). A medida, que pillou por sorpresa á súa directora, Shahla Sherkat, supón un duro golpe para as iranianas, que atopaban nesa publicación mensual unha plataforma de defensa dos seus dereitos e un dos escasísimos foros nos que compartir as súas preocupacións. "Lino en Fars, pero o ministerio aínda non mo comunicou oficialmente, polo que de momento seguimos traballando", asegurou onte á noite Sherkat. A normalidade era máis un desexo imposíbel que outra cousa, porque as redactoras non podían ocultar a súa preocupación mentres intentaban pechar o número que debe porse á venda o xoves e cuxa portada vai dedicada a Benazir Bhutto. A revista, fundada por Sherkat en 1992, lograra sortear a censura a pesar de abordar polémicos temas sociais e políticos. Nun país onde os xornalistas pagan co cárcere os seus desafíos ao poder, Zanan ousou sacar á luz os mal chamados crimes de honra, o comercio sexual e os abusos domésticos. A súa audacia converteuna na principal publicación feminina, cuns 40.000 exemplares mensuais. Con todo, a súa orientación desgustaba no Ministerio de Cultura e Orientación Islámica, que lle retirou a licenza, segundo Fars. Xornalistas e intelectuais quéixanse de que coa chegada a ese ministerio de Mohamed Saffar-Harandi, un antigo gardián da revolución moi próximo ao presidente Mahmud Ahmadineyad, reduciuse o espazo para a crítica. "É a guinda do acoso ao que Ahmadineyad somete ao movemento feminista", declaraba indignada unha activista dos dereitos da muller. Desde que accedeu ao Goberno, hai dous anos e medio, o presidente iraniano tratou de pór freo ás actividades das feministas. Centos delas foron detidas neste tempo. Con todo, a absolución de varias nestas semanas previas ás eleccións lexislativas deulles un respiro. O peche de Zanan parece indicar que non poden baixar a garda.
Tirado do xornal El País
Comentarios