Por Pedro Gómez-Valadés
(La Voz de Galicia - 03.12.07)
(La Voz de Galicia - 03.12.07)
O pasado martes asistimos esperanzados á declaración conxunta que desde Annápolis fixeron pública Ehud Olmert e Mahmud Abbas. Declaración que afirma a vontade das partes de chegar a un acordo definitivo antes de finais do 2008. Máis alá da percepción persoal de cada quen, máis ou menos optimista ou pesimista, do que non cabe dúbida é de que ficamos diante dunha fiestra de oportunidade que, por responsabilidade histórica, non deben deixar pasar israelís e palestinos na procura dunha resolución do drama que sacude desde hai décadas Oriente Medio. Non será Annápolis unha variña máxica que resolva o problema. Sería inxenuo pretender tal cousa. O camiño está cheo de dificultades que, en escenarios semellantes, naufragaron no pasado ante a impotencia da comunidade internacional e do que é máis importante, dos propios actores que sofren o día a día do conflito. Pero sería tamén irresponsable pola nosa banda, desconfiar da vontade real de israelís e palestinos en chegar á resolución do conflito. Desde a comunidade internacional cómpre apoiar e dar un voto de confianza ás vítimas reais. Sei do maioritario anhelo da sociedade civil israelí por poder vivir en paz. Unha sociedade cansa de décadas de terror, acoso e enfrontamentos. Creo na vontade do presidente Mahmud Abbas cando afirma a súa decisión de alcanzar acordos sostibles e firmes que fagan posible a convivencia dos dous pobos. Non será doado, hai no taboleiro problemas moi difíciles de resolver. Cuestións algunhas dolorosas para as partes, mais, que con vontade son posibles de resolver, outros recoñezo de máis difícil prognóstico: ¿Como vincular, como comprometer a unha organización integrista como Hamas, que fai bandeira do terrorismo indiscriminado e que nega e renega da posibilidade nin sequera remota, do recoñecemento da lexitimidade do Estado de Israel? Malia este interrogante, quero ser optimista. Porque palestinos e israelís merecen poder vivir definitivamente en Paz.
Comentarios