LIBERDADE PARA DELARAM ALÍ


Amnistía Internacional (AI)
Igualdade Xa (EN)
Federación Internacional dos Dereitos Humanos (FIDH)
Front Line (FL)
Human Rights First (HRF)
Mulleres Vivindo baixo Leis Musulmás (WLUML)
Organización Mundial contra a Tortura (OMCT)
Sete importantes organizacións internacionais de dereitos humanos esixiron ás autoridades iranianas hoxe, 9 de novembro, que anulasen de inmediato a pena de prisión dunha defensora dos dereitos das mulleres e retirasen os cargos contra outras que poden ser xulgadas polas súas actividades pacíficas en demanda da igualdade de dereitos para as mulleres en Irán. Amnistía Internacional, Igualdade Xa, a Federación Internacional dos Dereitos Humanos, Front Line, Human Rights First, Mulleres Vivindo baixo Leis Musulmás e a Organización Mundial contra a Tortura reaccionaban á noticia de que a activista social e defensora dos dereitos humanos Delaram Ali, de 24 anos, pode ser encarcerada dun momento a outro. En xullo de 2007 Delaram Ali foi condenada a 34 meses de cárcere e a 10 lategazos por "participación en reunión ilegal", "propaganda contra o sistema" e "perturbación da paz e a orde pública", cargos que se presentaron contra ela tras participar nunha manifestación pacífica que se celebrou na praza Haft Tir de Teherán o 12 de xuño de 2006 para pedir o fin das leis discriminatorias para as mulleres. Ao detela foi golpeada bratalmente pola policía e rompeu a man esquerda. No xuízo, a súa defensa non puido falar nin dirixirse ao tribunal. Delaram Ali recibiu o 4 de novembro de 2007 unha chamada das autoridades na que lle notificaban que se viu o recurso contra a súa sentenza condenatoria e a súa pena e que debía presentarse ante o tribunal antes do 10 de novembro para que se aplicase a sentenza, advertíndolle que, se non o facía, deteríana. Tamén lle dixeron que a pena de prisión quedara reducida a 30 meses e a de flaxelación fora conmutada, pero nin ela nin os seus avogados recibiron aínda ningunha outra notificación (a lei dispón que deberían terllo feito chegar por escrito a decisión do tribunal). Outras defensoras dos dereitos das mulleres foron condenadas a prisión en relación coa manifestación de xuño de 2006, pero actualmente están en liberdade esperando o resultado dos seus recursos. Se Delaram Ali é encarcerada, será a primeira a quen se aplique a sentenza. As autoridades tamén estiveron fustigando a participantes na Campaña pola Igualdade, lanzada pouco despois da manifestación do 12 de xuño de 2006, cuxo obxectivo é que un millón de iranianos asinen unha petición que solicita a supresión das leis que discriminan ás mulleres. O suceso máis recente foi a detención, o 9 de outubro e o 4 de novembro, de Ronak Safarzadeh e Hana Abdi, integrantes activas da Campaña na provincia de Kurdistán e actualmente recluídas sen cargos nin xuízo en Sanandaj, ao parecer en mans de funcionarios locais do Ministerio de Información. Amnistía Internacional, Igualdade Xa, a Federación Internacional dos Dereitos Humanos, Front Line, Human Rights First, Mulleres Vivindo baixo Leis Musulmás e a Organización Mundial contra a Tortura considerarían o encarceramento de Delaram Ali, unicamente polas súas accións pacíficas como defensora dos dereitos das mulleres, unha grave violación dos seus dereitos á liberdade de expresión e asociación. A súa citación parece formar parte dunha campaña deliberada por parte das autoridades iranianas para intimidar aos activistas de dereitos humanos e á sociedade civil en xeral en Irán, onde se está producindo unha represión sen precedentes da disidencia pacífica. Ademais, as organizacións anteditas expresaron a súa preocupación polo grao de impunidade con que poden actuar as forzas de seguridade iranianas que maltratan aos detidos durante a súa aprehensión. Delaram Ali denunciou os malos tratos que sufriu mentres a detiñan, do mesmo xeito que outras persoas que foron golpeadas, pero en outubro de 2007, a pesar de ter fotografías da manifestación nas que se apreciaban estes malos tratos e das probas médicas presentadas, anulouse o caso contra os policías que actuaran na manifestación.

Comentarios