A GUERRA DO TELEXORNAL


Por Henrique Cymerman


A canle nacionalista fala de "a paz posíbel" e o islamista de "axentes que queren vender Palestina" A tensión entre os dous movementos palestinos enfrontados, Hamas e Al Fatah, está ao roxo vivo, pero a loita concéntrase agora nas pantallas de televisión. O tema actual: a conferencia de Annapolis. A Televisión Palestina, con sede en Ramala, fiel á ANP e a Mahmud Abbas, intenta conquistar a opinión pública destacando a unidade nacional e o dano que os radicais causaron ao soño palestino. Os presentadores, no canto de atacar de forma directa a Hamas, concéntranse en encomios á nación palestina. Ultimamente sacaron do arquivo todas as películas e cancións en honra ao líder fundador, Yasir Arafat. Este aparece falando de unidade nacional e do Estado palestino con capital en Jerusalem. "A paz é unha misión posíbel" é a principal mensaxe dos últimos días. Basam Abu Sumaya, director da canle, afirma: "Desde que Hamas ocupou Gaza e os estudos locais da televisión, a nosa audiencia é dez veces superior, porque a xente dáse de conta de que nós non ocultamos nada e somos transparentes". A televisión de Al Fatah deixa que os espectadores fagan o traballo. Moitos chaman e esixen unha resposta máis tallante ás acusacións islamistas. En Gaza, Hamas fixo de todo para neutralizar os medios escritos e electrónicos que non lle son fieis, en varios casos destruíndoos. En canto á súa canle, Al Aqsa, non faltan reportaxes nos que se acusa a Abbas e a outros dirixentes de Al Fatah de ser "axentes traidores que pretenden vender Palestina ao inimigo na conferencia de Annapolis". Todos son cualificados de "mercenarios de Estados Unidos e de Israel". Os islamistas sosteñen que a era de Abbas é a peor da historia e el non ten autoridade para levar a cabo concesións". Nun dos seus vídeos, o locutor afirma: "O que se ve en Palestina non é unha guerra entre irmáns, é un asasinato planificado e sistemático en coordinación co ocupante". Logo vese a Abbas e Olmert abrazándose e sorrindo, e inmediatamente un avión israelí disparando un foguete e matando a palestinos. O director da televisión de Al Fatah, Abu Sumaya, acusa á de Hamas de levar a cabo un lavado de cerebro aos nenos e de incitar á violencia e a matar a aqueles que consideran traidores. "Nós non estamos dispostos a facer o mesmo. Por iso representamos a todo o pobo palestino, non os intereses dun grupo". A canle de Hamas vese tamén en Cisxordania. Algunhas familias mírano por motivos ideolóxicos. Outras para coñecer as posturas do rival. A familia El Tamimi non se perde as novas e Abdel Salam, o pai, pasa longos minutos mirando a pantalla con aire crítico e movendo a cabeza en xesto reprobatorio. "As súas provocacións son unha vergoña. Non teñen ningún respecto polo movemento que leva decenas de anos defendendo os nosos intereses nacionais". No estudo de Ramala, o director Abu Sumaya continúa atacando á canle Al Aqsa: "Seguen o modelo da televisión Al Manar, de Hezbollah". Yun produtor compara os métodos da canle de Hamas cos do propagandista nazi Joseph Goebbels. O director de programación da emisora de Hamas, Samir Abu Muhsen, opina: "É moi duro que os nosos propios irmáns de Al Fatah, que comparten connosco o sufrimento, as alegrías, a esperanza de crear un Estado e os mesmos principios, digan que a nosa resistencia e a nosa loita son un lavado de cerebro islamista". Ao concluír a guerra en Gaza cunha vitoria islamista esmagadora, Hamas quere conquistar as cidades cisxordanas. Al Fatah pretende recuperar o control sobre Gaza e para iso planea crear en Cisxordania outra canle que se dirixirá ao público da franxa para recuperar o seu apoio a Al Fatah. Ambas organizacións saben que a vía mais rápida cara ao corazón do pobo pasa polas pantallas dos televisores.
La Vanguardia 28.11.07

Comentarios