O museo da memoria da Shoah, Príncipe de Asturias da Concordia
Por Mercedes Montmany
Moitas veces se dixo que a memoria é o sexto sentido dos xudeus. Unha especie de sentido extra ou acto de supervivencia máis aló das desgrazas e dos avatares vitais concretos que fixo traballar silenciosamente e sen repouso, durante séculos, a individuos, familias, comunidades, medios intelectuais e artísticos, que aínda loitan sen cesar pola dignidade das vítimas e en contra de calquera infame intento negacionista que evite educar debidamente, na convivencia e o respecto mutuos, ás xeracións vindeiras. Eles sostiveron ese deber da memoria que tradicionalmente alberga no máis íntimo de si todo xudeu (o Pobo do Libro) do pasado e do presente, respecto dos que lle precederon no tempo.
O templo do recordo
Por iso é unha magnífica nova o merecidísimo Premio Príncipe de Asturias á Concordia que se ven de conceder a unha institución exemplar como é o Yad Vashem de Xerusalén. Se un, hoxe, sexa cal for a súa procedencia, nacionalidade, confesión relixiosa, conviccións íntimas ou credo político, percorre emocionado o impresionante Museo do Yad Vashem, coa súa Escola e Centro Internacional para a Memoria e Estudo do Holocausto, non pode evitar non xa só solidarizarse coa dor das vítimas do xenocidio máis atroz e cruento que coñeceu a Humanidade, senón o ter a sensación (verdadeiramente conseguida, de forma única no mundo) de entrar no máis grande e sobrecolledor templo dedicado ao Recordo na nosa época.
Un taxo na montaña
Un templo ou casa común que, desde Israel e para toda a Humanidade, rende homenaxe á necesidade ineludible, ao deber e xustiza de recordar para que o sacrificio daqueles seis millóns de seres humanos bárbaramente asasinados, nenos e adolescentes incluídos, persoas sen ningún tipo de defensa nin de culpa particular, salvo a de pertencer a un pobo que se desexaba aniquilar por completo, non sexa en balde. Establecida en 1953 polo Estado de Israel, a Autoridade para o Recordo dos Mártires e os Heroes do Holocausto quixo erixir non só unha homenaxe á memoria dos que pereceron naquela inmensa traxedia producida moitas veces no medio dunha atroz indiferenza no corazón mesmo da máis civilizada, culta e avanzada Europa do século da nosa modernidade por excelencia, senón unha advertencia de cara ao futuro: nada, baixo ningunha escusa nin circunstancia, debe repetirse.
Un mandato prioritario aos poderes públicos de cada nación e momento.
Dividido nun vasto e completísimo espazo, que ocupa toda unha impresionante montaña próxima a Xerusalén, a Montaña do Recordo (Har HaZikaron) o actual Complexo de Museos que forma o Yad Vashem fica composto por un espléndido e modernísimo Museo Histórico do Holocausto, de magnífica factura e resolución en cada un dos seus temas, con nove galerías subterráneas que narran de xeito estremecedor para calquera visitante o que foi o Holocausto xudeu; unha emocionante Sala dos Nomes, cos nomes e datos persoais que se foron reunindo dos miles de vítimas, con obxecto de preservar non só a memoria privada e simbólica de cada ser humano individualizado, senón, de forma moi significativa, o seu nome propio e insubstituíble (ese nome que desmente o número co que os nazis intentaron deshumanizar e «cousificar» ás súas vítimas); un Museo de Arte do Holocausto, coa exhibición da maior colección actual proveniente de guetos, campos de concentración ou dos máis impensables agochos; un Centro Audiovisual, outro de Aprendizaxe, ademais do Arquivo, Biblioteca e unha activísima Escola Internacional para Estudos do Holocausto, na que se imparten cursos especializados e que recentemente iniciou cursos e seminarios específicos dirixidos por vez primeira a educadores provenientes de España (en colaboración coa Casa Sefarad-Israel de Madrid).
Memorial dos nenos
Pero tamén se topa alí, nun paseo que rodea o Museo, difícil de esquecer, o tributo que encolle o corazón, ao millón e medio de nenos xudeus que pereceron no Holocausto (unha fermosísima cova que leva o nome de Memorial dos Nenos), o Xardín dos Xustos, e monumentos como O Vagón de Carga ou Memorial dos Deportados, a Praza do Gueto de Varsovia, o Monumento aos Combatentes e Partisanos, a Praza dedicada a Janusz Korczak (heroico e soado pedagogo que elixiu acompañar voluntariamente a 200 orfos que debían ser asasinados en Treblinka) e o Val das Comunidades, en memoria dos miles de pequenas comunidades xudías, principalmente do centro e este de Europa, que serían totalmente arrasadas durante a II Guerra Mundial.
Comentarios