A Unión de Comunidades islámicas de Italia esta presionando a todos os musulmáns do país para que expresen a súa opinión ao respecto dun novo libro que louba a Israel e critica aos grupos da resistencia palestina. Segundo un xornal saudita, os xefes da comunidade islámica de Italia están furiosos con este novo libro elaborado de forma sorprendente por un escritor e xornalista italiano nacido en Exipto! Magdi Allam, de 55 anos, redactor xefe adxunto do xornal italiano máis influínte, "Il Corriere della Sera", está novamente no centro da tempestade polo seu sétimo libro, titulado "Viva Israele". O subtítulo do libro é: "Da ideoloxía da morte á civilización da vida: a miña historia". " Viva Israel " é a historia da súa vida desde a súa mocidade, baixo o réxime do expresidente exipcio Gamal Abdel Nasser.Segundo Allam, Nasser é responsábel da transformación de Exipto “e do resto do mundo árabe” no berce "da ideoloxía da morte". Allam asegura que Nasser achegou un soño panarabe agresivo, fundado sobre a negativa ao dereito á existencia de Israel. A necesidade da destrución de Israel é o tema dominante que, como constata Allam, fixo da morte e da destrución os valores esenciais dunha cultura islámica noutro tempo liberal. Por iso, o novo libro defende a existencia de Israel e cualifica aos grupos armados palestinos como "perigosas ameazas terroristas". Ademais, Allam escribe que durante as súas operacións nos Territorios palestinos, as forzas israelís esfórzanse por evitar danar aos civís palestinos, e que teñen como único obxectivo a defensa dos cidadáns israelís... Allam chega ate engadir que a principal causa do conflito israélo-palestino provén do terrorismo palestino. Allam declara que " Israel -así como o papa Bieito XVI- representan a esperanza residual da civilización occidental, e encarnan o carácter sacro da vida e da liberdade individual". Así mesmo critica os chamamentos árabes ao homicidio de xudeus. No pasado, Allam tamén criticou os grupos de resistencia no Líbano e en Iraq. Os musulmáns de Italia proclamaron que Allam é unha personalidade indigna de confianza, que difunde a sospeita e o odio contra o Islam e os musulmáns proporcionando noticias non documentadas, non verificadas e ata claramente falsas, e todo iso unicamente para gabar a Occidente. Hai que saber que durante a súa adolescencia, Allam tiña opinións totalmente diferentes. Allam foi educado como musulmán e frecuentou a escola italiana do Cairo. Xa en Italia desde 1972, Allam comezou a súa estancia como activista entusiasta da causa palestina. Naquela época, Allam consideraba a Israel como un estado racista e agresivo, "inventado polo mundo occidental como especie de compensación polos horrores do Holocausto xudeu". Anos máis tarde, o seu interese pola historia do sionismo e un encontro co dirixente palestino Yasser Arafat, fixéronlle comprobar que "Arafat era responsábel do terrorismo palestino", e que a "predicación da ideoloxía da morte golpeaba e danaba en definitiva aos mesmos palestinos". O seu último libro mudou a vida de Allam. O xornal saudita informaba que debido ás ameazas sobre a súa vida, a policía italiana decidira intensificar a súa protección. Nestas circunstancias, non é sorprendente que moitos musulmáns de Italia denuncien a Allam como un novo "Salman Rushdie", o escritor británico obrigado a ocultarse durante os anos 90 despois de que dirixentes relixiosos iranianos emitisen unha fatwa, solicitando a súa morte.
Máis información sobre o caso AQUÍ
Comentarios