A ESTRATEXIA DE HAMAS



Por Floren Portero

Hamas, sábese incompatíbel con Al Fatah e busca a súa desaparición como alternativa política. As súas milicias demostraron un nível superior de formación e unha moral máis elevada. A súa expectativa de voto continúa medrando. Periodicamente asestan un duro golpe, ameazando e asasinando a cadros e dirixentes de Al Fatah. O presidente, Abbas, tivo que suspender a súa viaxe a Gaza ao descubrirse un intento de asasinato mediante a explosión dunha bomba colocada na estrada.
Após a presión chega a calma, en forma dunha tregua condenada á provisionalidade. A estratexia de desgaste contra Al Fatah ten un custo elevado para o goberno palestino. É o exemplo da profunda crise que vive ese pobo. Para contrarrestar esta imaxe e deixar claro que o problema segue sendo Israel, máis de 250 foguetes Kassam foron lanzados desde o 15 de maio sobre as poboacións israelís próximas a Gaza, en especial a cidade de Sderot. O impacto causado entre os seus habitantes é facilmente imaxinábel. Os foguetes Kassam teñen un obxectivo estratéxico: deixar moi claro que o levantamento do muro ou a retirada unilateral non garantirán a seguridade de Israel.
Co paso do tempo, tanto os foguetes de Hezbollah como os de Hamas, gañarán en alcance e precisión, atormentando á poboación civil israelí. Polo pronto, o goberno de Jerusalem lanzou 13 ataques de resposta contra persoas e edificios vinculados a Hamas. Pero a medio prazo, verase de novo abocado a penetrar en Gaza e no Líbano, coa conseguinte complicación da súa situación internacional e un maior número de baixas.
Hamas busca anular a Al Fatah e concentrarse na vitoria por desgaste sobre Israel, pero xurdiulle un novo competidor: Al Qaida. Abbas recoñeceu que xa estaba presente en Gaza e hai constancia dalgunhas operacións feitas en coordinación con Hamas, aínda que de xeito episódico. Ambas organizacións teñen estratexias diferentes. En Palestina, como no Líbano, os islamistas gañan en eficacia terrorista e en audiencia, pero se fragmentan, o que redundará na sáua contra.

Comentarios