ESPAÑA E ISRAEL


Por Manuel Molares do Val
Tiveron que asustarse moito importantes militantes do PSOE co final nazi dunha manifestación contra Israel que convocou o seu partido en Madrid con outras organizacións, para ter que crear unha Asociación de Solidariedade España-Israel (ASEI) e demostrar publicamente que hai esquerdas que non son antisemitas.
Aquela manifestación, o 19 de setembro de 2006, apoiou o fanatismo islámico de Hizbulá na súa guerra contra Israel, que reaccionara contra os bombardeos terroristas desde o sur do Líbano atacando as súas bases, nas que tiñan a mulleres, anciáns e nenos como escudos humanos. Moita xente de boa fe que protestaba pola que cría brutalidade de Israel escoitou ó final como milleiros de bocas pedían o exterminio dos xudeus con lemas extraídos dos discursos de Hitler. A asociación elaborou un manifesto (www.aseiweb.net) para recordar que os valores democráticos, políticos, sociais, económicos, culturais e relixiosos de Israel son iguais que os de calquera Estado democrático de occidente.
Advirte de que a esquerda non debe ser antisemita, antixudía nin antiisraelí, e que a democracia de Israel debe ser defendida polo verdadeiro progresismo esquerdista, non soamente pola dereita, como está ocorrendo en España. E recorda que o perigo do terrorismo islamita acosa a ambos os países, aínda que Israel o sofre día tras día, moitas veces con decenas de mortos provocados por suicidas que chegan a ser pícaros ou discapacitados mentais.
Pero é tal o descoñecemento ou a manipulación informativa do problema en España que pouca xente sabe que o país hebreo debe protexer a moitos palestinos que desexan a paz, porque están sometidos ó terror dos fundamentalistas de Hizbulá e Hamas, como denunciou esta semana no Parlamento español a presidenta do Parlamento israelí e xefa de Estado en funcións, Dalia Itzik.
Publicado no xornal GALICIA HOXE

Comentarios