OS AYATOLAS SON A BOMBA


Por Anxel Vence
Corrían os anos oitenta cando o grupo vigués "Siniestro Total" acadou gran éxito de vendas coa súa lembrada e un tanto sacrílega canción: "Ayatola, no me toques la pirola". Mal podía supoñer aquela imaxinativa banda que, dúas décadas despois, os ayatolas de Irán ianos tocar a todos a moral co seu proxecto de construción dunha bomba atómica. Contento coma un neno que estrea explosivos, o presidente iraniano Mahmud Ahmadineyad se vanagloriaba onte non máis de que o seu país entre xa no selecto club de nacións que enriquecen uranio a gran escala.
Dito doutro xeito, os clérigos extremistas que gobernan Irán deron o paso previo indispensábel para a fabricación do seu primeiro artefacto bélico nuclear. Asegura o acólito dos ayatolas que os seus propósitos, bos e pacíficos, céntranse unicamente na produción de enerxía eléctrica a partir do átomo, tal como fan moitos países occidentais e incluso a China capitalista de Mao. E agrega o presidente iraniano que a antiga Persia ten o mesmo dereito que calquera outro país a desenvolver todas as súas potencialidades nucleares, diga o que diga o Consello de Seguridade da ONU dominado polos imperialistas.
Algúns quisquillosos obxectan, certo é, que Ahmadineyad manifestou non hai moito o seu propósito de "borrar a Israel do mapa" durante certo congreso pro-nazi sobre o Holocausto perpetrado en Teherán. A ocorrencia foi moi celebrada polos antisemitas de todo o mundo e incluso recibiu afectuosas ovacións nalgunha que outra reunión celebrada aquí, na tan distinta e distante Galicia do Apóstolo. Tal vez sexa ese o motivo polo que os israelís directamente afectados e os gobernos occidentais en xeral insisten en desconfiar das boas palabras dos ayatolas. Non só porque o comportamento duns teócratas que din gobernar no nome de Deus resulte, pola súa propia natureza, impredecíbel. Peor aínda que iso, a lóxica suxire que unha bomba atómica pode constituír toda unha tentación en mans de alguén que xa expresou o seu desexo de "borrar" a outro país do mapamundi.
De pouco valería facer notar ao fervoroso presidente iraniano que os efectos dun explosivo nuclear lanzado sobre Israel afectarán por igual aos xudeus e aos palestinos; e incluso aos xordanos e outros pobos da veciñanza de Oriente Próximo. Detalles anecdóticos dese tipo non han de importar gran cousa a unha banda gobernamental de clérigos como a de Irán que non vacilou en sacrificar a varios centos de miles dos seus súbditos durante os oito anos que durou a súa estúpida guerra con Iraq. Tan estúpida, polo menos, como a que o presidente norteamericano George Bush desatou un par de décadas despois contra o réxime de Sadam Hussein, ignorando sen dúbida que son os pobos e non os seus ditadores os que poñen a carne de canón en calquera conflito bélico. Con todo, non parece que vaian faltarlle apoios a Ahmadineyad no seu proxecto -xa avanzado, segundo o propio presidente iraniano proclama- de constituírse nunha nova potencia nuclear. O réxime de Irán declárase "antiimperialista", palabra que, como o agudo lector xa terá advertido, causa efectos máxicos nalgunhas faccións autodenominadas progresistas e laicas de Occidente. A ninguén deberá de sorprender, polo tanto, que incluso quen se opón razoablemente á construción de centrais nucleares no seu propio país topen sen embargo do todo pertinente có réxime clerical de Irán constrúa ese tipo de instalacións.
Ou que, para non ser discriminado, fabrique a súa propia bomba atómica e contribúa á ampliación do xa nutrido clube de países nucleares do planeta. Dicir que os ayatolas son a bomba ben podería deixar de ser dentro de pouco unha simple e coloquial frase feita. Só é de agardar que esta explosiva situación non acabe en siniestro total.

Comentarios

google优化 dixo…
无锡乐洋化机公司主要采购反应设备销售反应设备反应设备商机反应设备产品反应设备公司反应设备供应商反应设备市场反应设备价格行情
反应设备展会信息反应设备行业资讯反应设备
反应设备

本公司主要生产反应设备销售反应设备制造反应设备和各种产品我们是反应设备供应商有很大的反应设备市场反应设备详细情况可以访问反应设备专业网站