NON DIGA ANTISEMITA: DIGA ANTISIONISTA.ta

Por Anxel Vence

Aseguraba Groucho Marx que xamais aceptaría pertencer a un club no que admitisen a xente como el. Moito máis extravagantes aínda que o xenial cómico –xudeu, por certo-, os xefes con mando en praza no Bloque Nacionalista Galego levan xa algunhas semanas na teima de expulsar dese partido ao presidente dunha modesta asociación de amizade galaico-israelí. Cos xudaizantes, coma cos galegos, nunca se sabe; así que compre tomar medidas preventivas.

Moito mellor lle tería ido a Pedro Gómez-Valadés (que así se chama o apestado) si en troques de presidir unha tal loxa a prol do imperialismo xudeomasónico escollese facer parte de calquera outro círculo de fraternidade entre pobos.

Ninguén lle habería reprochar que se integrase nunha Asociación de Amizade coa Unión Soviética –si é que aínda queda algunha- ou nas numerosas agrupacións de solidariedade con Cuba ou Irán. Tampouco o amoestarían, se cadra, no caso de elixir a Alianza Francesa para matricularse.

Israel é outra cousa. Para empezar, ven sendo un país cheo de xudeus, detalle que sempre resulta sospeitoso. E, para rematar, trátase dunha república edificada baixo principios liberalmente democráticos na que cada certo tempo se convocan eleccións co resultado non infrecuente de que gañe a esquerda. Así ocorreu, de feito, durante as tres primeiras décadas de existencia dese Estado algo milagreiro que tivo como primeiro xefe de goberno ao socialista radical David Ben Gurion. Poderíase esperar que os dirixentes dun partido nacionalista e de esquerdas coma di ser o Bloque tivesen en Israel un dos seus modelos de referencia.
O sionismo foi, despois de todo, un dos primeiros (e por riba, exitosos) movementos nacionalistas que xurdiron a finais do século XIX, mais ou menos ao mesmo tempo que o galeguismo. Si a eso se lle engade o papel fundamental desempeñado polas comunas agrícolas socialistas (“kibbutzim”) na construcción do Estado de Israel, poucas outras tendencias políticas como a sionista reúnen a dupla condición nacionalista e de esquerda que reclama para si o BNG.

A única explicación para este singular paradoxo ha residir, se cadra, na vixencia do antisemitismo. Tanto é así que, segundo contan as crónicas, algún dos asistentes á asemblea nacionalista na que se discutiu a expulsión do xudaizante Valadés chegou a propoñer que Irán lanzase unha bomba atómica sobre Israel, para borrar efectivamente do mapa aos noxentos xudeus. O antisemitismo pasa por ser unha patoloxía propia da extrema dereita; pero esa resulta, por desgracia, unha hipótese demasiado consoladora. Agás raras excepcións, a fobia aos hebreos é unha doenza que xa ten contaxiado hai moitos anos á esquerda e boa parte dos intelectuais europeos.

Os xudeus seguen a se-la bicha do mundo. Xa non se fala, como é natural, dos fantasiosos “Protocolos dos Sabios de Sión” que o pérfido pobo hebreo tería urdido para domina-lo mundo. De xeito algo menos groseiro, os antisemitas (mesmo os que non saben que o son) defenden teimosamente agora a idea da existencia dun lobby ou conxura de banqueiros, políticos e productores de cine coa que os xudeus controlarían Estados Unidos e, por extensión, todo o planeta. Se cadra non han ser moitos os que caian na conta de que esa é unha variante só un chisco máis lixeira da mesma ladaíña que un tal Adolfo utilizou en Alemaña para darlle fundamento teórico á súa “solución final”.

Ninguén acepta ser denominado antisemita, por suposto. Os modernos xudeófobos prefiren utilizar o termo “antisionista”, que queda como máis bonito e máis “cool”. Explicábao moi ben Martin Luther King na súa célebre “Cara a un amigo antisionista”. “Os tempos converteron en impopular a manifestación aberta de odio contra os xudeus”, dicía nela o tenaz loitador contra o racismo. “Sendo este o caso”, engadía, “o antisemita busca novas formas e foros onde poder inocular o seu veleno. Agora agáchao tras unha nova máscara. Agora non odia aos xudeus, só é antisionista!”

Certo é que si a moitos dos que usan a expresión se lles preguntase que é o sionismo, probablemente a resposta da maioría deles fose igual de atinada que a do presidente Zapatero cando lle preguntaron polo prezo dun café. Pero tanto ten. O mundo –tan complexo- é máis cómodo de manexar cando un o reduce a unha simple historia en branco e negro onde os bos son boísimos e os malos, malos a rabiar. E no tocante a maldade, xa se sabe que os xudeus adoitan estar situados sempre na primeira ringleira do imaxinario colectivo.

Tanto é así que nin sequera os nacionalistas galegos –ou canda menos, os que mandan- son quen de apreciar os éxitos dun nacionalismo democrático e de esquerdas coma o que fundou o Estado de Israel. Xa o dicía Luther King: non son antisemitas; son antisionistas. Tamén o era aquel famoso Adolfo do brazo ergueito.

Comentarios

Anónimo dixo…
convido-o a visitar
http://holocausto-shoah.blogspot.com

com os cumprimentos de