A Conspiración da Conspiración.
O legado póstumo do gran Will Eisner (o autor de Contrato con Deus, Spirit, etc...) é unha novela gráfica (A Conspiración) acerca da verdadeira orixe dos "Protocolos dos Sabios de Sión", un embuste antixudeu publicitado coma documento auténtico no que o éxito editorial a partir da súa orixe (1905) áchase en exacta proporción directa coa súa natureza ficticia e plaxiaria. A un lémbralle certo fenómeno de masas moi actual... Pero é que adoita ocorrer que o grao de crenza tributado a algo vai en relación co grao de mentira que conteña: A máis falsidade maior capacidade de convición. Como todos sabemos, o ensino socrática reside en que o coñecemento xera incertidume, mentres que a ignorancia é fonte de certezas... Ou como afirma co seu rigor implacábel Spinoza: "Nada do que ten de positivo unha idea falsa é suprimido pola presenza do verdadeiro, en canto verdadeiro. (...) Polo tanto, as imaxinacións non se esvaecen diante da presenza do verdadeiro, en canto verdadeiro, senón porque se presentan outras imaxinacións máis fortes, que exclúen a existencia presente das cousas que imaxinamos."
Eis a súa forza, eis o seu poder. Como afirma o propio Eisner ao comezo da súa obra: "Cando a un grupo de xente se lle aprende para odiar a outro, se inventa unha mentira para exacerbar o odio e xustificar a conspiración. Trátase dun obxectivo doado, porque o inimigo sempre é o outro". Unha das virtudes da obra é, ao meu xuízo, precisamente, esa insistencia ate as últimas páxinas en que o feito de que se demostre completamente a falsidade do devandito documento (no que os xudeus, como non?, conspiran para dominar o mundo, o que, sen ir máis lonxe, non explica a negra sorte que padeceron ao longo da Historia) non atenúa un só átomo a convición que o texto xera, incluso hoxe en día. Naturalmente, un prexuízo non se rebate con datos nin con argumentacións.
O fanatico emprega os datos e as argumentacións que precisa e como as precisa para xustificar a súa fobia, e non á inversa... Maxistral, coma sempre, este legado póstumo dun dos máis grandes da novela debuxada. Will Eisner
Comentarios