CONDENA DO GOBERNO ALEMÁN


O Goberno alemán condena con rotundidade a Conferencia do Holocausto que prepara Irán

"O goberno de Alemaña condena todos os intentos futuros ou presentes daqueles que buscan relativizar ou por en dúbida o Holocausto", dixo hoxe en Berlín a portavoz do Ministerio alemán de Asuntos Exteriores a propósito da conferencia sobre o Holocausto que está previsto que se celebre a vindeira semana en Irán baixo o auspicio do Goberno de Teherán. "Decidimos citar ao embaixador iraniano para que explique ao Goberno alemán claramente a súa posición", engadiu a portavoz. "Alemaña asume a responsabilidade histórica polos delitos cometidos polos nazis e sente a obriga de preservar a lembranza de todas as vítimas do Holocausto", engadiu. O país reaccionou escandalizado ao anuncio do Goberno iraniano, de celebrar os próximos días 11 e 12 de decembro unha "conferencia de negadores do Holocausto" pois negar este feito histórico está contemplado como delito en Alemaña. Na devandita conferencia participarán 67 "científicos" e "expertos" de 30 países, entre eles, Alemaña, Francia e Reino Unido, informaron portavoces do goberno iraniano, que amosaron a súa determinación de celebrar a conferencia pese ás protestas internacionais. Iso si, non haberá presente ningún membro do partido neonazi alemán NPD, aseguraron os portavoces iranianos. O Goberno xermano reiterou en anteriores ocasións que as negacións do Estado de Israel e do Holocausto proclamadas polo goberno de Irán, Mahmud Ahmadineyad, son "inaceptábeis e escandalosas". Ahmadineyad asegurou en certa ocasión que Israel debería ser eliminado do mapa e que a morte de seis millóns de xudeus a mans dos nazis era un "conto", o que provocou a indignación inmediata tanto na política como na sociedade xermana.

Comentarios