CARTA AO XIV CUMIO DE PAISES NON ALINEADOS.


No marco da presenza de Mahmud Ahmadineyad no XIV Cumio de Non Alineados, a Asociación Israelita de Sobreviventes da Persecución Nazi pediulle ao Presidente Provisional de Cuba, Raúl Castro, que condenen as manifestación do Presidente iraniano respecto ao Holocausto.
Eis a emocionante carta enviada ao líder cubano:
Como sobreviventes do Holocausto nazi, escoitamos con espanto as palabras do Presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad, cando nega que existise o inferno nazi. Nós, os que estivemos alí, somos testemuñas do mal absoluto. Os nosos brazos tatuados coa infamia do exterminio e os nosos corazóns cargados coas cinzas de seis millóns de irmáns masacrados son a tráxica proba do que o home foi capaz de facerlle ao home. É por iso que en ocasión do XIV Cumio do Movemento de Países Non Alineados (NOAL), pregámoslle que faga chegar aos dignitarios alí reunidos o noso rogo: en honor ao humanismo, alcen as súas voces de condena contra todos os negadores do Holocausto. Verdade e memoria: ese é o camiño obrigado para que nunca volva ocorrer o que xamais debeu suceder.

Hitler, maldito sexa o seu nome, e os seus cómplices perpetraron o horror. Os países libres deixárono facer. A Segunda Guerra foi un asunto mundial; a masacre dos xudeus, un problema do que as nacións civilizadas preferiron desentenderse. No século XXI, os países comprometidos coa igualdade e a xustiza deben condenar expresa e publicamente as mentiras do Presidente iraniano ao respecto do Holocausto. É urxente que o fagan: pola memoria dos mortos, por respecto aos que sobrevivimos e para que no futuro ninguén volva violar os Dereitos Humanos en ningún lugar do mundo do xeito atroz en que o fixeron os nazis. Permítanos, ademais, manifestarlle o noso desexo de pronta e completa recuperación para o Sr. Presidente de Cuba, Comandante Fidel Castro.

Confiando en que vostede se fará eco da nosa petición, agradecémoslle a súa atención e saudámolo coa máis distinguida consideración.

José Moskovits, Presidente Honorario de Asociación Israelita de Sobreviventes da Persecución Nazi, Vicepresidente da Federación Mundial de Partisanos Xudeus e prisioneiros de campos de concentración.
Jacobo Zylberberg, 1er Vicepresidente.
Francisco Wichter, Secretario.

Comentarios