Israel e o imaxinario de grande parte da esquerda española




Por Guillerme Rodríguez

Cando o Irgún respondeu á toma da Axencia Xudía de Palestina -e o arresto de 2.500 xudeus- pola ocupación británica cun atentado terrorista contra a se do comando de intelixencia británica (no Hotel King David de Xerusalén) o 26 de Xullo de 1946, o groso da esquerda occidental apoiaba activa ou pasivamente aos sionistas.

O goberno británico segue hoxe en día negando o aviso para desaloxar o Hotel. Israel, na placa que conmemora no King David o atentado indica
que "os mandos militares británicos ignorárono". A embaixada francesa si admitiu a advertencia da que notificou aos británicos. En 1946, o groso dos intelectuais e militantes da esquerda (moitos para agochar, desde  o seu antisemitismo até as súas simpatías polo nacionalsocialismo alemán de pre-guerra) apoiaban o establecemento do Estado xudeu independente no protectorado británico de Palestina. Coincidían dende os comunistas con Stalin a cabeza, os trotskistas e todo o variado socialismo europeo.

En 1946, o groso de intelectuais e militantes de esquerda, aplaudían ou escusaban o atentado. Afirmaban que o aviso do Irgún foi ignorado polos británicos. Hoxe é raro atopar un intelectual ou activista de esquerda que non afirme o contrario. Coincide o groso da intelectualidade occidental hoxe no seu fanático rexeitamento a Israel. A esquerda europea é practicamente toda anti-israelí. 

Pero Israel comeza como un proxecto nidiamente socialista. E ese é o motivo do forte apoio soviético e en consecuencia de toda a esquerda occidental. A maioría dos pais fundadores do Estado de Israel buscaron establecer un radical  colectivismo socialista cos kibbutz. O Estado de Israel foi sen dúbida un éxito. Un éxito a sociedade, a democracia, a cultura, a ciencia, o exército e economía israelí. Pero o seu inicial camiño socialista, agás o ainda vibrante movemento kibbutziano, foi abandonado polos sucesivos gobernos ao longo dos 70 anos de independencia.

En Moscova estimaban que aínda que peculiar o socialismo israelí era suficientemente anticapitalista para -máis pronto que tarde- gravitar cara á Unión Soviética. Agardaban que fora unha cabeza de ponte fío-soviética contra as potencias coloniais en oriente medio.  A fantasía da esquerda occidental hoxe, é que Israel se fundou como unha "cabeza de ponte" do capitalismo e os intereses de Estados Unidos.

A realidade é que Stalin confiaba no contrario. E que tras a declaración de independencia do 14 de maio de 1948, o Gran Muftí de Xerusalén e os gobernos de países árabes fronteirizos pediron aos árabes palestinos abandonar temporalmente Israel para invadir e "botar aos xudeus ao mar". Gran parte do armamento co que os israelís gañaron a guerra de independencia foi facilitado pola Unión Soviética a través de Checoslovaquia. Ao non proclamarse xamais o Estado árabe palestino do acordo da ONU e ocupar Israel nunha guerra defensiva parte do seu territorio estableceuse unha liña de demarcación internacionalmente admitida. A denominada como "liña verde".

As nada pacíficas "marchas polo retorno" dos árabes palestinos de Gaza esixían regresar aos pobos e aldeas que abandonaron os seus bisavós. Acusan a Israel de expulsar aos seus antepasados. Pero o certo é que eles saíron voluntariamente a petición de sirios, exipcios e xordanos que lles prometeron invadir Israel pero Israel retivo o territorio asignado no plan de partición da ONU e fíxose de parte do que deberia ter sido o Estado árabe-palestino que nunca se chegou a proclamarse. En 1967, unha nova coalición de países árabes tentou outra invasión e fracasaron novamente.

E novamente saíron árabes palestinos cara a Xordania, Exipto e Líbano. A OLP foi expulsada de Beirut (xa antes de Xordania) e instalouse en Tunes ate que nos acordos de Oslo Israél permitiulle fixar sede en Ramallah. A ANP renunciou formalmente aos territorios tras a liña verde e renunciou ao "dereito ao retorno". Como antes renunciaran a proclamar un Estado propio á vez que se proclamaba o de Israel.

Os mitos da propaganda que difunde grande parte da esquerda occidental sobre Israel e a causa palestina pretenden ocultar e negar (nunca explicar) as verdadeiras causas do éxito xudeu israelí e do fracaso árabe palestino.

Os árabes palestinos son máis vítimas dos seus dirixentes políticos, e dos políticos dos países árabes, que de Israel. Os seus dirixentes creron algunha vez superando por moito en crueldade e sangue ao Irgún lograrían botar aos xudeus ao mar?. Ou polo menos recuperar o Estado propio prometido pola ONU que non se molestaron en proclamar.

Os políticos do mundo árabe nunca apoiaron aquel novo Estado árabe-palestino independente. Prometeron tres veces acabar militarmente Israel. E tres veces fracasaron. Uns e outros enganan xeración tras xeración aos árabes palestinos até hoxe xa que facelo resúltalles un bo negocio.

O contrario pode custarlles o poder e a vida. Por finalizar co exemplo máis simple: O tres grandes postos fronteirizos de Gaza son Erez, Karni e Rafah. Dous con Israel. Un con Exipto. Con Israel están normalmente abertos (agás tras ataques na fronteira) Con Exipto esta normalmente pechado. Viaxar de Gaza a Israel é difícil. De Gaza a Exipto, case imposible. Quen bloquea entón a faixa de Gaza?

Comentarios