Os ultraortodoxos e o sionismo II


Por Abraham B. Yehoshua
La Vanguardia - 23.07.2012

Tras a creación do Estado de Israel estableceuse como obrigatorio o servizo militar para todos os cidadáns. Foi entón cando varios rabinos da comunidade ultraortodoxa dirixíronse ao primeiro ministro e fundador do Estado, David Ben Gurion, para pedirlle que eximise do servizo militar a uns catrocentos estudantes de yeshivá (escola talmúdica), co fin de que puidesen continuar co estudo da Toráh. O motivo era razoábel e até conmovedor, tendo en conta que durante a Shoáh morreron centos de miles de estudantes de yeshivá. Así que para que a cadea centenaria do estudo da Toráh non se perdese, pedían que se lles eximise do exército a eses estudantes avantaxados para poder dedicarse día e noite a estudar os textos sacros. Estes rabinos dirixíanse a Ben Gurión cunha actitude de derrota absoluta, xa que mesmo a eles, que crían na providencia divina como guía da orde do universo e da historia segundo unha lei de recompensa e castigo, custáballes moito explicar por que pecado foran asasinados máis dun millón de nenos xudeus nos campos de exterminio. O silencio de Deus fora total. Por outra banda, estes rabinos representaban comunidades relixiosas que se opuxeron con firmeza ao movemento sionista; pero, no entanto, un primeiro ministro sionista, socialista e laico non podía deixar de atender os seus rogos para seguir co estudo dos libros sacros dun Deus que os traizoou. Así pois, Ben Gurión fixo unha excepción e eximiu a eses raparigos da obrigación de facer o servizo militar obrigatorio.

Cando se fixo isto, a poboación do novo Estado era ao redor dun millón de persoas. Hoxe xa somos un seis millóns cen mil, é dicir, seis veces máis. En cambio, o número de estudantes de yeshivá exentos do servizo militar son agora un sesenta mil, é dicir, multiplicouse o seu número por cento cincuenta. Como se chegou a esta situación?

As razóns son complexas. Pero a principal deriva do poder político que os partidos relixiosos foron adquirindo unha forza de equilibrio entre a dereita e a esquerda, especialmente na época de maior enfrontamento ideolóxico sobre como solucionar o conflito cos palestinos.

Como moitas veces a esquerda e a dereita estaban case igualados no Parlamento, os partidos relixiosos eran os que acababan decidindo quen gobernaba no país. E como no sector da dereita había tamén moitos xudeus fieis ás tradicións relixiosas, era normal que contase coa simpatía e o apoio dos partidos ultraortodoxos, o cal viuse recompensado cunha exención desproporcionada do exército para os estudantes de yeshivá, ademais de dotarlles dunha boa bolsa.

Cuantos máis novos relixiosos ían ficando exentos do servizo militar, máis medraba o número de militantes dos partidos relixiosos, que así vían incrementado o seu poder. E así os líderes destes partidos foron acumulando tal forza que non só aumentou a súa soberbia política senón tamén a súa arrogancia desde o punto de vista teolóxico, chegando a facer comentarios enervantes como: "O sionismo é o responsábel do holocausto" ou "as vitorias do exército de Israel non se deben á valentía dos soldados senón ao estudo da Toráh nas escolas rabínicas". E froito desa arrogancia é tamén que parte deses estudantes da Toráh néguense a gardar un minuto de silencio o día en que soa a sirena en recordo dos caídos nas guerras de Israel.

Pero acerca deste tema tamén é necesario dicir que estamos ante unha ferida moi grave que hai que curar, xa que moitos deses mozos relixiosos non queren pasarse o día enteiro estudando a Toráh e repetindo sen sentido textos escritos hai séculos. No fondo do seu corazón gustaríalles aprender unha profesión e integrarse en igualdade de condicións na sociedade israelí. Non quixesen ser fieis soldados dun armazón relixioso ancorado no pasado e dirixido por rabinos estreitos de miras, senón cidadáns de proveito, útiles para a sociedade na que viven e na que para integrarse é condición importantísima facer o servizo militar.


Moitas veces xurdiron partidos cuxo obxectivo fundamental era loitar para que os ultraortodoxos tamén fixesen o servizo militar, do mesmo xeito que o resto dos cidadáns, pero a pesar de todos os esforzos, nunca se conseguía nada. En cambio, no último ano, os grupos sociais que están a loitar por que haxa xustiza e igualdade social no país comprenderon que a exención que gozan os ultraortodoxos para non facer o servizo militar supón tamén unha carga económica que agrava aínda máis a desigualdade actual. Por iso, ás protestas destes grupos sumouse este último ano a demanda popular de que os relixiosos tamén fagan a mili, unha demanda que obriga a tomar unha decisión a Netanyahu, que agora conta cunha ampla maioría parlamentar sen depender dos partidos relixiosos, e que por tanto podería emendar esta inxustiza. Veremos se se atreve a porse en contra dos seus socios tradicionais. As próximas semanas serán cruciais para a democracia israelí.
* Abraham B. Yehoshúa, escritor israelí, impulsor do movemento Paz Agora

Comentarios