O Kibbutz aos 100 anos




O Kibbutz aos 100 anos[1]
Por Schlomo Maital
[2])

Centos de membros do movemento kibbutz reuníronse o 31 de Marzo na “Sala dos Fundadores” do Kibbutz Degania para celebrar o seu 100° aniversario. Degania, situado no extremo meridional do Mar de Galilea, foi o primeiro dos kibbutzim.

A Organización Sionista Mundial comprou a terra para o Degania en 1909 a unha familia persa que vivía en Beirut e logo cedeullo a unha comuna de traballadores. Entre os que viviron daquela no Degania achábanse o poeta Rachel, o “profeta do traballo” A.D. Gordon e o heroe militar do Tel Hai[3], o manco Yoseph Trumpeldor. Moshe Dayan naceu no Degania, sendo o segundo neno en nacer nun kibbutz.

Entre os participantes estaba o Presidente Shimon Peres, el mesmo un dos fundadores do Kibbutz Alumot, situado no alto dunha cuíña desde a que se enxergaba o Degania. Peres manifestou que botaba de menos a vida no kibbutz –“as camiñadas antes do solpor, a roupa caqui enrugada, os macizos de flores, os currais e galiñeiros, as estrelas nacendo ao caer a noite...”

A celebración do centenario é un fito desde o cal botar unha ollada cara atrás sobre os éxitos e fallos do movemento kibbutz e unha ollada cara ao seu futuro.

No seu libro do ano 1945 Vieiros na utopía[4], o filósofo Martin Buber indicou acertadamente que o kibbutz era un experimento que “non fracasara”. O que el pensaba era que, ao contrario do “socialismo” utópico que fracasara miserabelmente (p.ex. a URSS), o kibbutz non o fixera. Sempre cauteloso, Buber non dixo que triunfara.



O kibbutz triunfou e fracasou, ambas as cousas. Triunfou porque xogou un papel crucial na construción do Estado de Israel. Degania detivo o ataque sirio en maio de 1948; un vello tanque sirio queda, a modo de monumento, nas portas do kibbutz. Aproximadamente 200 das 800 baixas do exército na Guerra dos Seis Días eran soldados dos kibbutzim.

Pero o kibbutz fracasou cando o seu sistema de valores colectivistas foi atrapado baixo as rodas dese capitalismo global do “todo se trata de min”. Hoxe, hai 262 kibbutzim cunha poboación de soamente 106.000 persoas, incluíndo 20.000 nenos. Deles, quedan 65 colectivizados ao xeito tradicional, mentres que 188 (o 72%) foron totalmente privatizados. Nove foron parcialmente privatizados.

Eu penso que hai dúas causas separadas para explicar o declive do kibbutz, un interno, o outro, externo. Internamente, o movemento kibbutz decidiu tratar a educación universitaria como un inimigo, levando a súa mocidade a que se afastara del. Isto foi un erro enorme. Significou que moita xente nova que quería facer estudos superiores tivera que abandonar o kibbutz a fin de irse a estudar.

Externamente, nos anos 70 e nos inicios dos 80, os bancos levaron aos kibbutzim a tomar préstamos enormes que non foron capaces de pagar. A inflación atinxiu o 1.000 % no ano 1984-85. As débedas dos kibbutzim estaban todas elas ligadas ao Índice de Prezos ao Consumo, polo que se dispararon sen activos subxacentes para axudar a pagalas. Para o ano 1988 os kibbutzim debían 3.1 billóns de dólares. As débedas indicadas duplicáronse e triplicáronse. Para o ano 2000 preto da metade dos kibbutzim fracasaran; aínda cargan coas débedas que non puideron devolver. Entre o 1976 e o 1983, case ningún dos seus membros abandonara os kibbutzim; pero nos anos da crise, de 1984 a 1986, case a metade da xente moza non volvería a eles despois de cumprir co servizo militar.

Imri Ron, un líder do movemento kibbutz do Kibbutz Mishmar Ha’emek, indica que os bancos, finalmente, cancelaron 20 billóns de shekels (5,4 billóns de dólares) das débedas dos kibbutzim – pero observa, na revista online Ynet, que a carga da débeda impediu aos kibbutzim “investir, innovarse e desenvolverse” durante 15 anos (porque non tiñan acceso a novos créditos) e lamenta que a cancelación non chegara unha década antes.

Moitos kibbutzim reinventáronse a si mesmos. Aproveitaron o desexo de moitos habitantes das cidades por ter unha mellor calidade de vida, ofrecendo parcelas para barrios de luxo. Cerca da metade dos kibbutzim puxeron en marcha “ampliacións” dese tipo. Os propietarios dunha casa, xeralmente, non se unen ao kibbutz, pero pagan polos servizos do kibbutz, como o coidado dos nenos.

Degania tamén evolucionou. Ten unha cabana leiteira de 350 vacas, ao lado de hortas de améndoas, bananas, dátiles e aguacates. Pero tamén ten industria – Degania Sprayers e Degania Silicone. Conta tamén cunha casa para hóspedes e ofrece viaxes en bicicleta.

O antigo líder do Likud e Primeiro Ministro, Menachem Begin, chamou daquela aos membros dos kibbutzim “millonarios de piscina”. Se vivira, podería sorprenderse ao saber que algúns dos kibbutzim solucionaron o enigma do “capitalismo socialista”, facendo a cada membro, literalmente, millonario, por medio de compañías altamente exitosas (véxase o artigo de setembro de 2009 en The Jerusalem Report: “The Little Kibbutz that Could”).

Seis deses kibbutzim “capitalistas” teñen ingresos anuais de 550 millóns de shekels (150 millóns de dólares) ou máis: Sasa (blindaxes para vehículos militares), Gan Schmuel (alimentos, zumes), Maagan Michael (equipamentos sanitarios), Mishmar Ha’ emek (plásticos), Shamir (óptica, téxtiles do tipo nonwoven) e Ma’ abarot (alimentos para bebés). Soamente un deles, Shamir, privatizouse. O resto son socialistas, distribuíndo por igual a riqueza entre os seus membros. E, segundo o diario financeiro The Marker, catro kibbutzim fixeron unha “saída” rendíbel, vendendo as súas compañías por enormes sumas e distribuíndo decenas ou centos de milleiros de dólares a cada membro: Shefayim, Givat Haim, Lochmei Hageta’ot e Netiv Halamed Hei.

Un número crecente de mozos israelís urbanos están procurando a calidade de vida que lles ofrecen os kibbutzim. E un número crecente de fillos dos antigos membros dos kibbutzim están retornado a eles. Botando unha ollada á terra queimada deixada polo capitalismo egoísta ao estilo americano do ano 2007 ao 2009, os ideais kibbutziáns de cooperación, axuda entre veciños, responsabilidade mutua, reparto, patriotismo e traballo semellan cada vez máis atractivos.

O autor Norman Mailer dixo dos kibbutzim, “a función do socialismo é levar os padecementos a un nivel maior”. E o autor capitalista George Gilder escribiu, “se o goberno puidera crear postos de traballo e criar os nenos, o socialismo tería funcionado.”

Pero ao final, o centenario Degania e outros kibbutzim poderían ser, a pesar de todo, os últimos a rir. O experimento do kibbutz aínda non fracasou.

(Tradución e notas por Carlos Penela & Ilana Steiner)

[1] Artigo aparecido no número correspondente ao mes de maio do 2010 da publicación The Jerusalem Report, Xerusalén.
[2] O autor é investigador asociado do Instituto S.Neaman, Technion (Instituto Tecnolóxico de Israel).
[3] Literalmente "A cuíña da vida“, antigo asentamento xudeu na Alta Galilea e posto fronteirizo. Logo do tratado Sykes-Picot entre ingleses e franceses, o reparto sobre a Alta Galilea non foi aceptado por parte dos franceses, os cales se serviron de tropas árabes para atacar certas áreas que desexaban manter baixo o seu dominio. En marzo de 1920, os resistentes xudeus, liderados polo comandante Yoseph Trumpeldor, defenderon Tal Hai ata a morte. Sen embargo, coa súa defensa conseguiuse adiar o avance árabe e acabar finalmente coas pretensións francesas sobre a Alta Galilea, xa que no 1921 Tal Hai foi liberado de xeito definitivo e incorporado a partir do 1926 ao kibbutz Kfar Giladi.
Mais.información: http://www.jewishvirtuallibrary.org/jsource/Society_&_Culture/geo/Tel_Hai.html
[4] No seu orixinal en alemán, Pfade in Utopia.

Comentarios