The Start Up Nation


Por Fernando Álvarez Barón*


O milagre económico israelí foi recollido no libro, The Start Up Nation, que fixo furor na literatura económico financeira desde o seu lanzamento en 2008. Os datos que levaron aos autores, Dan Senor e a Saul Singer a construír este relato, son ben coñecidos en Wall Street; Israel é o terceiro país con máis empresas cotizadas no Nasdaq, só superado por EEUU e China. Este dato por se só xustifica o título do libro, se temos en conta que o NASDAQ é, de lonxe, o mercado bolsista mundial que realiza maior volume de transaccións por hora, e en consecuencia a maior fonte de financiamento (e a máis competitiva) para as empresas tecnolóxicas de todo o mundo.
Para explicar como un país máis pequeno que tres provincias españolas (Madrid, Barcelona e Valencia por exemplo), rodeado de inimigos, sen recursos naturais, e obrigado a absorber enormes poboacións de emigrantes, construíu un segundo Silicon Valley na metade das terras conquistadas por Josué, os autores acoden a varias explicacións derivadas da loita contra a adversidade.
Talvez, a razón máis importante sexa o impacto do exército na sociedade civil. O tres anos de servizo militar obrigatorio convertéronse nunha Universidade extraordinariamente efectiva para Israel, que produciu unha amplísima base de individuos disciplinados e adestrados para loitar contra a adversidade e asumir como natural, altas doses de incerteza e de responsabilidade, con tan só 20 anos. Todos estes valores pódense recoñecer entre os emprendedores que traballan nas máis de 3.500 start up de tecnoloxía que existen en Israel. Outro factor de éxito é a ausencia dun mercado de consumidores próximo para os seus produtos, debido á hostilidade dos seus veciños (aproveito para darlle as grazas a Tayyip Erdogan pola súa contribución). Isto empuxou ás start up hebreas cara ao mercado empresarial, que é un mercado máis global e estábel e que vaille permitir a Israel nos próximos anos conquistar os mercados emerxentes de China e India. Pero non é a primeira vez que o pobo do libro vive unha proeza colectiva semellante. En 1936 o 75% dos médicos e o 62% dos avogados de Viena eran xudeus, fronte a unha poboación do 8% do total da capital. Estes son só algunhas das cifras que recolle o libro "Os xudeus na modernidade europea", publicado en 1.999 por Víctor Karady. O autor relata a extraordinaria importancia que tiveron os xudeus emancipados na modernización de Europa a partir do século XVIII a través do un doloroso e complexo proceso de asimilación, que permitiu aos xudeus, subidos ao barco das correntes universalistas da cultura europea, xogar un papel decisivo na industrialización capitalista de Europa, así como na creación da banca e a prensa modernas.
A senda que levo aos xudeus dos guetos europeos a porse na vangarda da modernización capitalista de Europa ten moitos nomes individuais como; Einstein, Freud, Kafka, Durkheim, Carlos Marx, Trosky, Wittgenstein ou Walther Rathenau, pero segundo Karady as razóns últimas deste fenómeno hai que buscalas no xudaísmo normativo. Os xudeus, unha vez liberados das prohibicións legais, e postos en pé de igualdade xurídica co resto dos europeos puideron aproveitar o seu superior Capital Cultural e as súas estruturas sociais proto capitalistas.
Para Victor Karady este Capital Cultural da diáspora acumulouse a partir de dúas características; o intelectualismo relixioso do xudaísmo e a situación ambivalente dos xudeus asimilados. En primeiro lugar, a cultura relixiosa xudía desenvolveu unha grande disciplina física e talento organizativo produto da estructuración temporal e espacial da existencia xudía (distribución ritual do tempo e disciplina esixida polos ritos domésticos, moi superior á esixida no cristianismo na vida cotiá). Estes hábitos proto capitalistas prepararon á diáspora para aquelas tarefas que requirían capacidade de rendemento e dotes de organización, de forma moito máis eficaz que as que tiñan as sociedades de acollida.
A segunda razón do éxito da Diáspora europea hai que buscala nos "mecanismos compensatorios" que os xudeus asimilados desenvolveron fronte a unha contorna hostil. Estes mecanismos van desde a consecución do éxito a calquera prezo (tan torticeramente empregado por Irene Nemirovsky) para resarcirse da desgraza colectiva, ou unha grande disposición á mobilidade xeográfica e social, ou aptitudes para buscar a información relevante e desentrañar as relacións de poder existentes, así como capacidade de reflexión sobre si mesmo e espírito emprendedor para abrir novos mercados.
A carencia de petróleo e recursos naturais foi unha bendición para o Estado de Israel, igual que para a Diáspora europea foino a prohibición da posesión da terra e os inmobles. Cústame crer que debaixo dos argumentos que tratan de explicar o asombroso éxito de The Start Up Nation, non atopemos, aínda que transformados, o intelectualismo relixioso xudeu coa súa meticulosa ordenación do tempo e as condutas compensatorias, que toda minoría ameazada pon en funcionamento.
Para o Estado español, The Start Up Nation podería ser unha fonte de coñecemento e experiencias compartidas que nos axude a abandonar o posto número 48 no ranking mundial de produtividade. Aínda que para iso imos precisar máis do Ministerio de Educación que ao de Industria, a máis diso aos españois que en 1492 non debemos de enviar ao exilio.


* Fernando Álvarez-Barón é Sociólogo, militante do PSOE e presidente de ASEI

Comentarios