Hessel, os indignados e Israel



Por Josep Carles Laínez*

En lingua francesa e noutras veciñas, Indignez-vous! (Indignádevos!) (2010) de Stéphane Hessel (1917) non só tense convertido nun éxito editorial, mais tamén nun fenómeno mediático sorprendente, ate o punto que logo veu un novo título, Engagez-vous! [Comprometédevos!], onde o antigo resistente, e recente indignado, segue coas súas algaradas. E a verdade, quen non está indignado algunha vez na vida? A indignación non aparece na lista de emocións básicas do ser humano que identificou Paul Ekman a comezos dos anos 70 do século XX, pero sí temos de considerala un sucedáneo; quizais o irmán pobre, ou feble, da ira. Un indígnase, e enfádase; pero non se indigna e entón ponse a amar a quen lle fai indignarse. A indignación, por tanto, concita acción, e a acción sempre é virulenta. O opúsculo de Hessel tivo moito éxito, e algúns queren situalo no trasfondo das concentracións que se produciron en diversas cidades da península ibérica en marzo de 2011, e mesmo na orixe do chamado movemento do 15-M, o dos “indignados”. O subtítulo do pequeno volume é “alegato contra a indiferenza e a favor da insurrección pacífica”. Non obstante, Hessel fala da economía? Dos banqueiros e dos bancos? Da ausencia de democracia e a actual instauración dunha partitocracia neoliberal? Da perda do espírito e o reinado absoluto do materialismo? Da violencia contra as mulleres? Da loita LGBT? Non. Hessel pode tocar algunhas destas cousas, mais non todas. Eses aspectos non van ao miolo do problema, á causa orixinaria do que agora demanda unha nova resistencia. Entón, o que é? Israel. Así de sinxelo. Vou sinalar unhas poucas pérolas deste “novo” ensaísta: No prólogo escrito expresamente para a edición en lingua española de Indignez-vous!, lemos: “Estoulle moi agradecido [á xove xeración española] polo apoio que ven dando á causa palestina”. É o único aspecto que menciona deses mozos nos que pon tantas esperanzas. Un dos apartados do opúsculo titúlase “A miña indignación a propósito de Palestina”, e comeza con estas palabras: “Hoxe, a miña indignación principal refírese a Palestina, a Franxa de Gaza e a Cisxordania”. A principal! Non estamos a ler entre liñas. A principal! O mundo está nunha convulsión económica, social, histórica, cultural, lingüística… e as poboacións occidentais indígnanse sobre todo por ese conflito tan localizado e tan politizado. Noutra das seccións, “A non-violencia, o camiño que debemos aprender a seguir”, di con toda a súa insolencia ou coa desinhibición tan normal en xente de idade avanzada: “non podemos desculpar aos terroristas que poñen bombas, podémolos comprender”. Mais por se a comprensión é pouca cousa para aqueles palestinos que non dubidan en inmolarse, unhas liñas despois Hessel radicaliza o seu discurso: “Non podemos apoiar os terroristas, como fixo Sartre (…) cando do atentado cometido nos xogos de Munich, en 1972, contra atletas israelís. Non é eficaz”. O subliñado das terroríficas palabras é meu. Hessel non condena porque non é bo para a loita maior; non hai un criterio moral no non-apoio, senón pura táctica, despreocupándose da dor das vítimas. Nunha sección máis, “Por unha insurrección pacífica”, escribe: “Cómpre ser israelí para cualificar como terrorista a non-violencia”. O autor deléitanos cunha ironía antisemita: só os xudeus son quen de afirmar unha brutalidade; e por iso frase que non admite a substitución de “israelí” por un termo politicamente correcto (“musulmán”, “palestino”…). En resumidas contas, en tres das seis seccións de Indignádevos!, a metade do libro, menciónase Israel, converténdoo, pola recorrencia das citas, no eixe do seu discurso. O texto de Stéphane Hessel xa recibiu algunhas críticas: en Francia, con J’y crois pas! [¡Non creo niso!] de Orimont Bolacre; en España, con ¡Escandalizaos! [Escandalizádenos!] de Javier Ruiz Portella, quen de feito dedica unha sección do seu opúsculo ao tema “Israel y el terrorismo” [“Israel e o terrorismo”]: “Só Israel é o malo da película nestas páxinas que son incapaces de descubrir, á parte diso, ningún outro motivo de indignación no panorama internacional”. Indignádevos!, para non facer este texto tan longo coma o mesmo panfleto hesseliano, responde á coñecida Vulgata dos derradeiros tempos. Resúmese en moi poucas liñas:
1.- Hai un inimigo da humanidade que e o colonialismo; dado que hoxe non hai colonialismo europeo –aínda que sí árabe (o Sáhara), turco (Chipre), chino (Tíbet)…–, temos de buscar un país que poida ser asimilado a esas características: e Israel é o candidato perfecto.
2.- Ademais Israel posúe outra particularidade importante: é amigo dos Estados Unidos, a besta negra do altermundismo e da progresía.
3.- Mais para que todo case fai falta un derradeiro salto, que sen embargo é o primeiro, o principal, todo un clásico do antisemitismo eterno: os xudeus son os amos da banca, polo que controlan o mundo grazas ao poder do diñeiro, e por tanto son os nosos inimigos, e os causantes das crises e da dor europea e de todos os pobos da Terra.
4.- Conclusión: atacar Israel é loitar pola liberdade, é dicir, pola felicidade. Este é o esquema de pensamento que podrece non “os mellores cerebros da miña xeración”, como declamaba o tamén xudeu Allen Ginsberg no seu “Ouveo”, senón as mentes que nos gobernan e atenden o diktat terríbel dunha corrección para a que de novo o pobo hebreo é culpábel. Culpábel de existir.
* Josep Carles Laínez é escritor e socio de AGAI

Comentarios

Akiva dixo…
Noraboa ao autor por este excelente artigo.