Para saír do labirinto de Oriente Medio


Por Joschka Fischer, ministro de Asuntos Exteriores e Vicecanciller de Alemaña de 1998 a 2005. Dirixente do Partido Verde Alemán durante case vinte anos.
Haaretz - 28/12/10
.
Trascurriron dous anos desde que Barack Obama foi elixido Presidente dos Estados Unidos. Di moito no seu favor -en contraste co seu predecesor inmediato- que, desde o seu primeiro día no cargo, tentase avanzar cara a unha resolución do conflito entre israelís e palestinos.

Dous anos despois, son unhas boas intencións o mellor que pode ofrecer a nova política de Obama? Á fin e ao cabo, ningún resultado de valor tiveron. Peor aínda é que, en vista de que as xestións de Obama para impor unha moratoria permanente á construción de novos asentamentos na Ribeira Occidental fracasaron, as negociacións directas entre as partes en conflito encallaron.

As boas intencións contan pouco na vida, e menos aínda na política. O que importa, por encima de todo, son os resultados. O Presidente George W.Bush cría que só debía ter en conta uno dos dous papeis dos Estados Unidos en Oriente Medio, a saber, a alianza con Israel. Non tivo tempo para o outro, o de mediador fundamental entre israelís e palestinos, durante os oito anos da súa presidencia. Todas as súas iniciativas foron encamiñadas a tranquilizar ao público internacional. Todos sabemos en que acabo todo iso.

Desde o principio, Obama quixo facer as cousas de xeito diferente, aplicar unha política activa en Oriente Medio, pero até agora os resultados non son demasiado diferentes dos da presidencia de Bush. Nos dous casos, a paralización triunfou sobre os avances. En vista diso e da intransixencia de ambas partes, moitos se retirarían e procurarían esquecer totalmente o conflito, pero non é tan sinxelo, porque a continuación do conflito (que é ao que equivalería esquecelo) non só prolongaría o que é unha traxedia tanto para os palestinos como para os israelís, senón que, ademais, sería demasiado perigosa para a rexión. O máis grave é que a oportunidade de conseguir unha solución con dous Estados desaparecería para sempre, porque as realidades no terreo non volverán permitilo.

Para os israelís, significaría a ocupación permanente de Xerusalén Oriental e a Ribeira Occidental e, por tanto, contar cunha maioría árabe, que erosionaría os cimentos do seu Estado -a democracia e o imperio da lei- e, xa que logo, a súa lexitimidade. Semellante posibilidade é a maior ameaza que Israel afronta a medio prazo, polo que unha solución con dous Estados resulta decisiva para os seus intereses. Naturalmente, desde a perspectiva dos dirixentes israelís, o status quo, sen terror nin ataques con foguetes, non é precisamente negativo, pero non durará. Ademais, a situación estratéxica do país estase deteriorando a cada ano que pasa, porque a redistribución do poder e a influencia mundiais de Occidente a Oriente vai debilitar por forza a posición de Israel.

Para os palestinos, a situación é opresiva e para Gaza é un absoluto desastre desde o punto de vista humanitario. Están internamente divididos entre Al Fatah e Hamás, baixo a ocupación israelí en Xerusalén Oriental e a Ribeira Occidental, illados do mundo exterior en Gaza, desamparados nos campamentos de refuxiados da rexión e rexeitados polos seus veciños árabes. Nesas circunstancias, a perda da perspectiva de dous Estados sería unha receita para maiores indignidades e sufrimentos máis profundos. Pero, aínda que os israelís e os palestinos comparten un interese fundamental na solución con dous Estados, teñen intereses moi diferentes, polo que queren dicir cousas moi distintas cando se refiren ás mesmas cuestións.

Para Israel, a seguridade é a prioridade máxima; para os palestinos, o que máis importa é o fin da ocupación israelí. Israel non pode permitirse o luxo dunha segunda Gaza na Ribeira Occidental e en Xerusalén Oriental; para os palestinos, un Estado cunha permanente presenza militar israelí sería inútil. Talvez o erro fundamental de Obama foi o de conceder importancia fundamental a un asunto importante, pero menor: a paralización da construción de novos asentamentos. Unha paralización indefinida das construcións provocaría o fin inmediato do goberno de coalición do Primeiro Ministro Benyamin Netanyahu en Xerusalén, sen que Israel nin Netanyahu recibisen nada tanxible a cambio. Debería estar claro que Netanyahu non prorrogaría a paralización.

A pregunta decisiva que os Estados Unidos deben formular tanto a Netanyahu como ao Presidente palestino, Mahmud Abbas, é a de se estarían dispostos -aquí e agora- a negociar en serio sobre o estatuto final. De ser así, abriríase unha saída do conflito, aparentemente insoluble, entre a seguridade israelí e a necesidade dun Estado palestino. A fórmula podería ser esta: un acordo amplo sobre o estatuto final agora (tendo en conta todas as cuestións pendentes, incluída Xerusalén Oriental como capital de Palestina); aplicación do acordo en fases predeterminadas durante un período máis longo; e supervisión do proceso mediante un mecanismo baseado na presenza no terreo dun terceiro (encabezado pola EE.UU.). Así os palestinos contarían cunha garantía sobre as fronteiras do seu Estado, a súas capital e o punto final predeterminado da ocupación israelí.

Poderían aproveitar ese tempo para crear, con axuda internacional, institucións estatais eficaces, abordar o desenvolvemento económico e pechar a brecha entre a Ribeira Occidental e Gaza. Con esa nova base permanente, poderían atopar unha solución para os refuxiados palestinos e facer avanzar a causa da reconciliación entre Al Fatah e Hamás. Israel tería a garantía de que un acordo sobre o estatuto final e a creación dun Estado palestino non poría en perigo a súa seguridade e de que a súa retirada dos territorios palestinos sería gradual, ao longo de varios anos, e supervisada no terreo por un terceiro. Entón o país tería unhas fronteiras claras e internacionalmente recoñecidas, o que lle permitiría pór fin permanentemente ao conflito cos seus veciños árabes. Aínda que a situación en Oriente Medio parece actualmente sen saída, un novo intento que se centre nos aspectos esenciais, e non noutros menores, merece apoio. A outra opción é a perda da solución con dous Estados e a perpetuación dun conflito terrible e terriblemente perigoso

Comentarios