SOBRE O AUTODENOMINADO "TRIBUNAL" RUSELL


Un "tribunal" anti-israelí en Barcelona: Unha simple tribuna para o linchamento

En relación co mitin anti-israelí convocado en Barcelona sob a denominación de "Tribunal Rusell para Palestina", cómpre comentar as seguintes cuestións:

1/ Sen credibilidade nin peso moral. O así autodenominado tribunal fica constituído exclusivamente por persoas cunha longa traxectoria anti-israelí, do mesmo xeito que a nómina de persoas e institucións que o apadriñan. Non hai unha soa voz independente, é simplemente unha tribuna de linchamento que escenificará a lectura dunha sentenza condenatoria de Israel, cuxo guión estaba decidido desde o mesmo momento da súa convocatoria. Unha sentenza de condena tan previsible como a que ditaría un xurado composto exclusivamente por membros do Ku Klux Klan nun proceso contra un home de cor.

2/ Un tribunal singular no que todos os membros do xurado foron elixidos precisamente polas súas previas posicións anti-israelís (incluso algún declarado antisemita), do mesmo xeito que a totalidade dos intervinientes; un xuízo no que o acusado non só non ten quen lle defenda, senón que tan sequera estará presente para ser interrogado. Mesmo nos tribunais da inquisición española, nos xuízos estalinistas ou nos do Irán dos ayatolas poderiamos atopar máis elementos de xustiza e equidade.

3/ Do mesmo xeito que os antisemitas dos nosos días utilizan a frase "teño un amigo xudeu", os organizadores deste acto fan alarde dos israelís e xudeus que apoian a súa política de odio a Israel sendo utilizados como unha folla de parra para tratar de agochar o seu antisemitismo. Aínda que poucos son os israelís e os xudeus que apoian este tipo de foros extremistas, eses poucos aparecen unha e outra vez, non pola súa importancia, coñecemento ou relevancia, senón por que os seus puntos de vista resultan convenientes aos organizadores. Neste foro non se escoitará nin unha soa voz favorábel a Israel. As posturas dos israelís e xudeus dedicados á deslexitimación de Israel non ten máis valor que as dos ingleses ou estadounidenses que apoiaron ao nazismo durante a Segunda Guerra Mundial.

4/ Que ninguén se deixe enganar. Eventos como este xamais procuran a verdade, nin a xustiza, nin contribuír á paz entre israelís ou palestinos, nin tan sequera a defensa da lexítima causa palestina. Non teñen máis obxectivo que converterse en canle da obsesión anti-israelí de persoas, institucións e oenegués que fixeron da demonización de Israel instrumento de propaganda.

A viñeta que podedes ver máis arriba, expón de xeito moi gráfico o "peso moral" dun "tribunal" cuxo ditame ficaba xa preescrito antes de comezar. Lamentábel.

Comentarios