A ESPAÑA DE FRANCO ANTE A INDEPENDENCIA DE ISRAEL ( I )

Por José Luis Sánchez Fernández
.
Finalizada a Segunda Guerra Mundial, o réxime fascista do xeneral Franco foi illado do conxunto das nacións por decisión da Primeira Asemblea Xeral das Nacións Unidas, de decembro de 1946, a instancias de Francia, quen pechara a súa fronteira con España en marzo daquel mesmo ano, e dos países do bloque soviético. A resolución, aprobada con 34 votos a favor, seis en contra e 12 abstencións (a ONU tiña entón, unicamente, 52 países membros), ordenaba a expulsión de España de todos aqueles organismos internacionais nos que estivese representada e recomendaba aos países membros das Nacións Unidas a retirada dos seus embaixadores en Madrid. Poucos meses máis tarde, só quedaban en Madrid tres Embaixadas en funcionamento: a de Portugal, país gobernado polo ditador Salazar; a de Suíza, que en aplicación da súa absoluta neutralidade nin tan sequera era membro da ONU, e a Nunciatura Apostólica católica ou Embaixada do Vaticano, que obviamente apoiaba ao réxime franquista, que tiña na Igrexa católica un dos seus alicerces fundamentais. O inicio, naquelas datas, da chamada "Guerra Fría'', coas súas variacións na xeopolítica internacional, así como a iniciativa na ONU do Goberno da Arxentina de Perón, fixeron que o chamado "caso español'' pasase a formar parte da axenda prevista para a Segunda Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a celebrar en Nova York en novembro de 1947, e onde, ademais, debía discutirse a partición do territorio da Palestina Británica e a creación de dous Estados, un árabe e outro xudeu.
.
Din que a vida dá estraños compañeiros de viaxe e así, en 1947, a España franquista e os sete Estados árabes existentes na época (Iraq, Siria, Líbano, Transxordania, Arabia Saudita, Exipto e Libia) iniciaron unha intensa colaboración diplomática para conseguir cada un os seus fins, coa axuda do outro. Dado que España non era membro das Nacións Unidas, non podía influír directamente sobre a votación referente á partición da Palestina Británica, pero os países árabes pretendían utilizar a influencia española en Latinoamérica, facendo que os países desa zona apoiasen as súas teses. A cambio das súas xestións diplomáticas en América, o Goberno fascista do xeneral Franco asegurábase sete votos a favor cando chegase o momento da discusión do "caso español'' na Asemblea Xeral. Velaquí a sucesión dos feitos.
.
A partir de xaneiro de 1947, o Ministerio de Asuntos Exteriores de España, dirixido por Alberto Martín Artajo, iniciou unha ofensiva diplomática destinada a conseguir o apoio dos países árabes. Nomeouse ao diplomático Juan Manuel de Arístegui representante de España en todo Oriente Medio, como cónsul xeral de España en Xerusalén, cargo vixente desde a época otomá, cando non existían Estados independentes na zona. A principios de novembro de 1947, e tras varias reunións de menor rango realizadas nos meses anteriores, Arístegui trasladouse a Bagdad para discutir co secretario xeral da liga Árabe, Abdel Rahman Azzam Pashá, os detalles do apoio que, días máis tarde, deberían dar os sete embaixadores árabes en Nova York, cando se realizase a votación do "caso español''. Esta viaxe á capital iraquí completaba as xestións realizadas en Madrid, no mes de setembro, cos representantes do Comité Superior Árabe, presididos por Ahmed Hilmi Pashá, director do Banco Nacional Árabe, e coñecido anti comunista e filonazi, quen solicitou oficialmente ao Goberno español a súa mediación ante as repúblicas americanas en favor das teses árabes.
.
Á hora da verdade, o día 17 de novembro de 1947, as nacións árabes non votaron a favor de España (seis abstivéronse e unha votou en contra) e un dos seus embaixadores informou a Manuel Aznar, observador de España ante a ONU, as razóns do feito. Dado que a proposta a favor de España partira dunha moción presentada por Arxentina e por Cuba, países que xa se sabía que votarían favorablemente a Partición de Palestina e a creación dun Estado Xudeu, non podían, por principios, apoiala. As autoridades españolas recibiron esa "labazada'' árabe sen manifestar, polo menos oficialmente, ningún comentario. En decembro de 1947 morreu en Haifa o sacerdote español Luís Orio Moreno, e o día 5 de xaneiro de 1948 faleceu, na voadura do Hotel Semiramis de Xerusalén, o cónsul adxunto de España, Manuel Allendesalazar. Por mor destes feitos, iniciouse en España unha virulenta onda de ataques na prensa, controlada polo réxime e pola Igrexa católica, contra todo o xudeu, co fin de crear unha opinión favorable á causa árabe.
.
Por outra banda, os informes que se enviaban ao ditador desde a Segunda Sección do Alto Estado Maior do Exército, que é o nome que recibía, na época, o Servizo de Intelixencia Militar (actual C.N.I.), facíanlle saber da certeza dun conflito directo entre árabes e xudeus unha vez que as autoridades británicas abandonasen o territorio en maio de 1948. Nin que dicir ten que os informes elaborados pola Intelixencia española sinalaban moi claramente unha rápida vitoria árabe neses enfrontamentos futuros. Diversos artigos publicados pola prensa ultracatólica (Diario Ya), falanxista (Diario Arriba) e mesmo por algúns diarios de tinguidura máis moderada (La Vanguardia), asinados por altos dignatarios da Igrexa, o Exército e o Goberno, incluíndo ao mismísimo "caudillo'', arremeteron, cos peores tópicos cristiáns medievais e cos non menos tópicos nazi, contra os xudeus en xeral e contra o "ishuv'' de Eretz Israel en particular.
.
Co beneplácito do réxime fascista, algúns falanxistas españois foron contratados para ir a Siria e formar parte, como instrutores militares ou como combatentes, do chamado Exército Árabe de Liberación, comandado polo iraquí Fawzi El-Kauji, un dos líderes dos violentos disturbios da folga xeral palestina de 1936, que entre 1941 e 1945 compartira o exilio dourado no Berlín de Adolf Hitler, co gran muftí de Xerusalén Haj Amín Al-Husseini. Entre os falanxistas contratados figuraba un familiar directo de Ramón Serrano Súñer, cuñado do xeneral Franco e ex ministro de Asuntos Exteriores na época de maior relación de España coa Alemaña nazi. Entre outubro de 1947 e o mesmo mes de 1948, este personaxe residiu en Haifa e realizou labores de espionaxe a favor dos árabes e, protexido por un documento diplomático, de axuda a certas personalidades árabes de relevancia, para fuxir do acoso das forzas da Haganá, até maio de 1948, e de Tzáhal a partir desa data. Detido en outubro de 1948, non queda claro por que foi expulsado de Israel polas autoridades do Goberno, en lugar de ser xulgado e condenado polos seus labores de espionaxe a favor do inimigo.
.
A actividade antisionista e antixudía do réxime fascista do xeneral Franco non se limitou ás campañas de prensa para conseguir unha opinión prol árabe dos españois senón que, ademais do envío de falanxistas a Siria, en decembro de 1947 asináronse contratos de venda de armamento e munición con axentes xordanos, exipcios e palestinos. Esta venda de material bélico foi aínda mais alá e, tras a derrota dos exércitos árabes na Guerra da Independencia de Israel, o Goberno fascista español forneceu a Exipto 30 bombardeiros Heinkel 111, 50 cazas Messerschmit ME109, artillaría pesada coa súa correspondente munición, e varios millóns de cartuchos de calibre 303 British, fabricados en España, para os fusís Le-Enfield, de fabricación británica, regulamentarios no Exército exipcio. Siria, pola súa banda, realizou en España compras de armamento e munición por valor de dez millóns de dólares da época que, como Exipto, pagou en moeda norteamericana, o cal foi moi ben ás arcas do réxime franquista, sempre necesitadas de divisas pola súa situación de bloqueo internacional.
.
Por outra banda, os Servizos de Intelixencia españois colaboraron cos seus homólogos árabes e así, en febreiro de 1949, o Goberno libanés agradeceu a España a información, recibida en Beirut, do paso polas Illas Canarias do buque panameño "Santo Despo'', con destino a Haifa, e que, segundo as autoridades españolas, transportaba 60 carros de combate, artillaría, metralladoras e moitísima munición. Así mesmo, o Ministerio de Industria e Comercio español prohibiu calquera transacción con Israel, ou con calquera persoa ou empresa sospeitosa de comerciar con Israel. Unha vez aprobada a creación do Estado de Israel pola Resolución 181 das Nacións Unidas do 29 de novembro de 1947, e tras a derrota árabe na Guerra da Independencia, seguiu a colaboración entre o réxime fascista de España e os países árabes, destinada a impedir que Israel fose aceptado como membro de pleno dereito da Organización das Nacións Unidas, así como actuar para que España si o fose. Nin que dicir ten que o réxime de Franco non recoñeceu diplomáticamente ao Estado de Israel, argumentando que non era máis que un satélite do comunismo soviético na zona de Oriente Medio, cousa que quedaba confirmada polo carácter esquerdista dos primeiros Gobernos de Israel, e por ser a Unión Soviética o primeiro país do mundo que recoñeceu diplomáticamente ao novo Estado.
.
BIBLIOGRAFÍA:
ÁLVAREZ CHILLIDA, GONZALO EL ANTISEMITISMO EN ESPAÑA. LA IMAGEN DEL JUDÍO (1812-2002) Madrid. Marcial Pons Ediciones de Historia S.A.-2002
BLANCO FREIJEIRO, ANTONIO (et al.) HISTORIA DE ESPAÑA. VOLUMEN III Madrid. Ediciones HISTORIA 16 1976
GONZÁLEZ GARCÍA, ISIDRO LA PROTECCIÓN ESPAÑOLA DE LOS SANTOS LUGARES EN 1948. REVISTAS HISTORIA 16 NUM.189 ENERO 1992. Madrid. Ediciones HISTORIA 16 1992
LISBONA MARTÍN, JOSÉ ANTONIO ESPAÑA-ISRAEL. HISTORIA DE UNAS RELACIONES SECRETAS. Madrid. Ediciones Temas de Hoy S.A. 2002
SALVAT, JUAN (et al.) HISTORIA DE ESPAÑA SALVAT. VOLUMEN 10, Barcelona. Salvat Editores S.A.1987
TUSELL, JAVIER LA ESPAÑA DE FRANCO. BIBLIOTECA DE HISTORIA 16 VOLUMEN 1 Madrid. Ediciones HISTORIA 16 1989

Comentarios