DEUS EN MARTE


Por Manuel Rivas

Quen salva unha vida, salva o mundo enteiro. É unha desas verdades talmúdicas que non se erosiona polo tempo. Agora, cada día, temos que enfrontarnos ao envés. Quen destrúe unha vida inocente, esnaquiza a humanidade. As xustificacións que nos chegan teñen unha estrutura morfolóxica de bombas de acio, aínda que leven o logo de Deus por un e por outro lado. A única linguaxe que resiste a proba da verdade é o pranto prensil das nais, ese abrazo ululante que tenta reter o amputado. Aí está o centro da historia. Cada corpo era un paraíso. Gaza non é Hamás. Canta máis violencia, máis Hamás e menos Gaza. Os fanáticos cren que mesmo no ceo, máis aló da morte, seguirá habendo guerra. É a idea do "paraíso belicoso".


Como non se previu que o fracaso da esquerda palestina, do seu nacionalismo laico, consagraría o partido do odio e o triunfo dos que pretenden a destrución de Israel? Bachelard referiuse á pintura de Chagall, esa aldea universal de realidade e fantasía, como un "paraíso inquieto". Habitar o inquieto, iso é a vida. O principio de convivencia. En Oslo, en 1993, puido nacer o "paraíso inquieto". Había dúas intelixencias dispostas á paz, Isaac Rabin e Arafat. Un mediador convencido: Clinton. Había pacifistas e palabras que sobreviviran a todos os velenos. A coonxura contra Oslo foi un descaro. A paz alcanzada era unha mala nova para os concesionarios do Deus guerreiro e para os explotadores do "paraíso belicoso". O asasinato de Rabin. A humillación ao vello Arafat. O oráculo neocon a toda máquina, inspirando ao presidente probablemente máis parvo da historia. O extremismo relixioso. No "paraíso belicoso", a falta de Deus é compatíbel co seu exceso. E iso é o que temos: Deus en Marte, cos seus dous satélites. Fobos e Deimos. O temor e o terror.

El País - 03.01.09

Comentarios