AS GUERRAS XUSTAS E A PRECISIÓN


Por Fania Oz-Salzberger
Imaxine que o seu veciño -con quen mantén unha longa e sanguenta disputa- saca unha arma e comeza a disparar contra as súas xanelas desde o seu salón, que está cheo de mulleres e nenos. De feito, ten á súa propia filla sentada sobre os xeonllos mentres lles apunta a vostede e aos seus fillos. Di que non se deterá ate que toda a súa familia estea morta. Vd. non pode recorrer á policía. Que debe facer? Unha opción é non facer nada. Vostede proba esta solución durante un longo tempo. Despois de todo, o seu veciño é pobre e sufriu moito, hai unha triste e complicada historia entre vostedes e parte da culpa é súa. Pero ao fin, cando un disparo dá no dormitorio do seu fillo, vostede decide que xa basta. Saca unha arma moi superior. Tenta apuntar á cabeza do tirador e tratar de non ferir a inocentes. Nun sentido abstracto, isto é o que está a facer Israel. Pero non hai precisión no sangue e o sufrimento que envolven a Gaza.
Gaza e Rafah están superpoboadas e son pobres. Os combatentes adéstranse xunto ás escolas, e os foguetes almacénanse nos sotos de edificios. Máis dun millón de palestinos desde hai anos son reféns dunha xunta militar que prioriza matar israelís a través da fronteira internacional a calquera custo. Aínda que as teorías sobre a guerra xusta indícannos que non debemos ferir a non combatentes, Hamas tomou a decisión de facer que o fogo de Israel alcance á maior cantidade posíbel de civís. A maioría dos israelís está de acordo en que o ataque a Hamas era necesario. En verdade, non hai simetría no sufrimento a ambos lados da fronteira. En Gaza están en peor situación en todos os aspectos concebibles.
Pero significa iso que Israel debe deixar que sigan disparándolle? Israel é unha democracia, non un país cunha soa voz, e, con eleccións xerais en febreiro, os debates sucédense tanto dentro como fóra do goberno. Se a campaña de Gaza termina como a de Líbano, cunha catástrofe humanitaria, o bombardeo constante dos civís israelís, ou ambas cousas, as críticas internas resoarán con forza. Por agora, Israel debe esforzarse por lograr a tregua real e o máis segura que poida, sempre que Hamas deixe de disparar desde o seu poboado salón.
* Fania Oz-Salzberger é filla do escritor Amos Oz

Comentarios