O meu tio xudeu


Por Antón Patiño Regueira*

Rafael Maceiras, artista toneleiro, mantiña taller de honra na Moura coruñesa. Os seus ollos eran azuis e a súa ollada tan doce que cativaba os que o vían laborar sempre con kippah. Admiraban nel as maneiras suaves no facer e o seu falar mu­sical e vagaroso coas palabras. Era o meu tío avó. Xudeu practicante en 1930, sentía por el todos os meus respectos. Teño matinado sempre sobre as súas orixes e no meu miólo aboiaban sen resposta certa. Que apelidos xudeus serían os seus? Cal sería a súa familia de orixe antes de lle ordenar a conversión? Pertencera as familias que non cederán na diáspora sefardí? 

Nunca o souben. Tampouco se chegara dos ramallos xudeos que asentaran en Monforte e Ribadavia ou se emparentaba coa xudaría doceira de Sober. Nin se tina liña cos que moraban en Compostela mantendo apelidos dos xudeus galegos conversos: os Castiñeira, Sobreira e Moreira, os Carballo, Maceira ou Moure.
Aínda o meu tío soubo do insulto de marraos adicado a eles. Como os que, ano si ano non, recibían os da Calexa de Monforte logo de seren acusados de meter o Cristo da Régoa nunha bogada quente. Algún veciño daba en correr a voz e mesmo que escoitara os berros do Xesús escaldado pola auga férvida para, decontado, comezar o saqueo de tendas e negocios. Voltaban os xudeus a refacer os seus comercios e, como formigas, de novo prendían un labor para eles de vida e esperanza. Novas transaccións e novos acopios até o día que calquera outro veciño, tamén comerciante, viñese outravolta co contó do Cristo da Bogada. O que aínda hoxe se mostra na igrexa da Régoa.

Cando poucos xudeus quedaban xa por espolicar acabou a lenda dos laios do cristo escaldado. Os da Calexa foron encartando e o tempo foi dispersándoos e entrelazando coas familias veciñas. Xa ninguén preguntou se eran conversos ou cristiáns vellos. Mais ao meu tío Rafael Maceiras si llo fíxeron. Víriase obrigado a se achegar case todos os días ao cuartel da garda civil despois de xullo de 1936. Querían saber das prácticas dos xudeus da Coruña aqueles beneméritos que construían polo ruin o seu imperio de terror. Petaban tamén na ventá do meu tío avó no taller da Moura cando lle entraba a vea a calquera parella camiñeira da garda civil. A súa horta eterna chegoulle, logo de sufrimentos para el e a súa familia, quizais ala en Xudea como soñaba. Rafael IMaceiras, construtor de sellas, baldes e bocois. o meu tío, era un santo de ben e un artista toneleiro.
* Tirado do seu libro: "Memoria de ferro". Edicións A Nosa Terra (2005)

Comentarios