Por Antón Patiño Regueira
Rexentaban o quiosque da estación de ferrocarril de Ribadavia e alí despachaban melindres, rosquillas e pavías de Beade e Vieite. Tamén licor café e vinos do Ribeiro de grande sona que servíanlles para aforrar no día a día e manter así a casa porticada da rúa do xuíz Viñas número 2. Nela vivían e de alí saía a masa de fariña de pantrigo con destino ao forno da mesma rúa. Chegaban logo as viandas ao quiosque da estación para facer coincidir a súa venda en quente co horario de saída e chegada dos comboios. Lola tivera de solteira un fillo que criou co apoio das súas irmás. Sempre andaron moi unidas no seo dunha familia ben numerosa. Chegaron a sete, tres homes e catro mulleres. Isolina, elas e mais Paco, Camilo e Guillerme. Os malos tempos do 36 fóronos pasando coa perda dalgunha amizade no camino, mais, curados da desfeita maior, sentirón chegar outra desfeita desde Europa. Era a dos xudeus perseguidos que as irmás Touza Domínguez, Eola, Amparo e Xulia comprometéronse en salvagadar xuramentadas nunha rede de apoio. Elas eran quen desviaban cara a Portugal a todos aqueles que escapaban do gaseamento e da persecución cando chegaban a Galiza. Lola Touza teceu a malla clandestina co concurso dun familiar taxista. O coche de punto de Xosé Rocha Freijedo pasou a ser de confianza. Como tamén o era o de Xavier Míguez "O Calavera", tamén con praza de taxi en Ribadavia. A chegada dun tren sinalado, de noite ou de día, Lola, sempre atendía os viaxeiros en situación de auxilio. Agachaba os fuxidos na súa casa e dáballes mantenza e descanso coa complicidade familiar das súas irmás. No silencio da noite elixida apuraban a condución cara á fronteira. No auto de Rocha ou do Calavera cufiaban por Reza, Paixón, Arnoia e Meréns, encomendándose á sorte. As lendas do Regó do Gato, da Pedra das Pechaduras e do Burato das Chairas quedaban atrás por Rabino, Cortegada, Casal, Trado e Desteriz camiño da salvación. Logo Ponte Barxas e unha fronteira onde abeirar os fuxidos. Eran anos de fame, mais Lola, Amparo e Xulia trasegaban sen medo a xudeos e perseguidos que viñan xa marcados e contactados desde Monforte de Lemos. Os enlaces conducíanos até elas e o seu quiosque da estación correndo sempre cos custos de coches e mais guías que agardaban na raia de Portugal. Lola morreu o 26 de xuño de 1966. Amparo descansou o 6 de febreiro de 1981 e Xulia desapareceu o 6 de xuño de 1983. Xuntas viviron e xuntas están enterradas no cemiterio de Ribadavia. As faldriqueiras das irmás Touza Domínguez sempre tiveron fondo para sacrificarse na honra dos seus antepasados e da liberdade dos descoñecidos.
Tirado do libro “Memoria de ferro” de Antón Patiño Regueira. A Nosa Terra Edicións 2005
Comentarios