Por Julia Navarro
Que ten que ver a liberdade de expresión coa negación da realidade?. Ao parecer o Tribunal Constitucional cre que é liberdade de expresión asegurar que non sucedeu algo que si sucedeu. O Tribunal Constitucional provocou unha autentica sorpresa, ao ditaminar que a apoloxía do xenocidio, e a negación do mesmo, non debe de estar sancionado. Ou sexa que o xenocidio en realidade é unha cuestión de "opinión" segundo o Constitucional. Non anda o Tribunal Constitucional no seu mellor momento, ou mellor dito, a maioría dos membros que agora compoñen o Tribunal non souberon estar á altura do que representan nin da institución. É verdade que o desprestixio do Tribunal ten moito que ver con que os partidos políticos non se resignan a que as institucións non formen parte do seu campo de batalla, pero os cidadáns o que agardamos é que quen foi elixido para estar ao servizo de todos, sexa capaz de manter a súa independencia. Pero volvamos á recente decisión do Tribunal Constitucional de declarar racialmente inconstitucional un artigo do Código Penal que sanciona a apoloxía do xenocidio. O Tribunal parece querer amparar a liberdade de expresión por enriba de calquera outra consideración, pero o que sorprende é que noutras ocasións e con asuntos non tan terribles, a actitude do Tribunal sexa distinta. Dou fe de que hai xornalistas que acudiron ao Tribunal Constitucional en busca de amparo por cuestións que si que tiñan que ver coa liberdade de expresión e déronlles coa porta nos fuciños. Creo que o Tribunal Constitucional vai ter que explicar, e moito, a decisión que adoptou respecto ao artigo 607.2 do Código Penal, porque desde organizacións de defensa de dereitos humanos, a ONGs, pasando por prestixiosos xuristas e cidadáns do montón, todos ficamos estupefactos. Non sei, se cadra lles viría ben aos honorables membros do Tribunal visitar poño por caso o campo de Mauthausen ou Auswitch, ou falar con algúns dos xa anciáns sobreviventes do horror do Holocausto. Creo que na súa actual composición o Tribunal Constitucional deu de si o peor que podiamos esperar. Non é unha cuestión de "opinión" a existencia do xenocidio, do Holocausto provocado polos nazis. É incomprensible e terrible a decisión do Tribunal Constitucional. Creo que canto antes se renove o actual Tribunal antes recuperaremos a fe na institución os cidadáns. É de esperar que prospere en instancias internacionais a impugnación desta sentenza que vai presentar o Movemento contra a Intolerancia. Aínda que produce vergoña que unha sentenza así se deu en España e polo Tribunal Constitucional.
Comentarios