UN TERCEIRO AGASALLO PARA HAMAS



Por Yossi Beilin. O líder de Meretz, opina neste artigo acerca do contraproducente que sería para Israel, e o Medio Oriente en particular, unha hipotética incursión do Tzahal na Franxa de Gaza.

Hamas xa recibiu dous agasallos de Israel. O primeiro foi a desconexión unilateral da Franxa de Gaza. Non é necesario ser falcón ou pomba para entender que o feito de que o goberno de Sharón abandonase Gaza sen ningún tipo de negociación, acordos militares ou arranxos económicos, favoreceu a Hamas. Os fundamentalistas preséntanse agora diante da poboación palestina como unha organización capaz de facer que Israel -por medio do uso da forza e das ameazas- emprenda a fuga, sen que eles (Hamas) renuncien a ningún interese palestino básico, e mentres a Autoridade Nacional Palestina malgasta o seu tempo en negociacións infrutíferas co Estado israelí.
O segundo agasallo, foille outorgado polo goberno americano coa súa ridícula loita pola democratización global, e polo goberno israelí que admitiu a idea. Foi, tamén, a decisión de permitir participar a Hamas nas últimas eleccións parlamentarias palestinas, en completa contradición cos Acordos de Oslo. Agora queren recibir o seu terceiro agasallo: unha incursión masiva do Exército de Defensa de Israel na Franxa de Gaza, contraproducente para os intereses israelís porque colocaría en serio perigo aos habitantes da rexión occidental do Néguev, só porque "Israel necesita dar unha resposta a esta determinada situación".
A operación das forzas armadas israelís en Gaza serviría para unificar ás diferentes faccións internas de Hamas, establecería un denominador común para Hamas, Al Fatah e a Yihad Islámica, e diluiría as diferenzas entre aqueles que están preparados para negociar con Israel e os que nunca o recoñeceran como Estado. O Exército derramaría o sangue dos seus soldados nas trincheiras dos campos de refuxiados. A fráxil Autoridade Palestina entraría nun colapso total e no seu lugar Israel tería que impoñer novamente un réxime militar que sería o único responsábel de prover as necesidades inmediatas da poboación palestina nos territorios. De tal xeito, en lugar de que Israel reclame a intervención mundial, toda a responsabilidade seríalle atribuída ás súas forzas de ocupación; isto levaría ao fin dos Acordos de Oslo en Gaza, o que -ademais- xeraría accións violentas en Cisxordania.
Non estou seguro de que Hamas mereza este terceiro agasallo. E iso non significa -de todos modos- que Israel deba permitir que os fundamentalistas sigan facendo o que lles pareza. Unha acción eficaz contra os bandos que lanzan Kassam é obrigatoria. Pero un esforzo por parte de Israel para conseguir un armisticio en Cisxordania tamén é imprescindíbel. Foi un grave erro ter acatado as opinións das autoridades de seguridade, que se opuxeron a iso nos últimos meses. Era claro que un cesamento do fogo só en Gaza non podería durar moito tempo, e que Hamas usaría as operacións israelís en Cisxordania para xustificar as súas accións no Néguev occidental. Evacuar aos residentes que desexan saír da rexión castigada polos mísiles é unha actitude xustificada.

Esta poboación non é ningún escudo de seguridade; o feito de que o goberno non construíu suficientes refuxios axeitados, non os obríga a quedarse nas súas casas rezando para non seren alcanzados polo próximo Kassam. Trasladar momentaneamente aos habitantes interesados (do sur de Israel), a pensións no centro do país, resulta máis barato que iniciar unha gran campaña militar en Gaza; e non deterioraría máis a imaxe de Israel. Esta é unha rara oportunidade que se presenta para actuar en concordancia coa dirixencia mundial, a Liga Arabe e os palestinos pragmáticos, nun esforzo para acadar acordos a pesar da resistencia de Hamas.

Israel debe presionar para obter un armisticio total, incentivar negociacións coa Autoridade Nacional Palestina no marco da última iniciativa árabe de paz, esixir unha maior intervención americana e illar aos grupos radicais. Vai ser complicado anular os dous primeiros agasallos. Será difícil tamén saír da confusión á que fomos arrastrados por quen quería facer todo o posíbel para impedir iniciar negociacións serias coa Autoridade Nacional Palestina. Actualmente sería un gran erro se -despois de dous agasallos absolutamente innecesarios- o debilitado goberno de Olmert pensa que non lle queda outra opción que a de embarcarse nunha campaña militar que nin sequera el mesmo desexa. De calquera maneira, é difícil crer que aqueles que se equivocaron tan gravemente no verán de 2006 (pola segunda guerra no Líbano), acertarán nesta primavera de 2007.

Comentarios