O kibbutz, un experimento que non fracasou



Por Danny Nakash
Haaretz

Con estas palabras definiu o filósofo xudeu Martin Buber nos anos 40 a este modelo comunal baseado en dúas ideoloxías en auxe a comezos do século XX e básicas para os olim da segunda e a terceira aliá: o socialismo revolucionario, que se consagraba na Europa oriental coma unha factíbel alternativa ao capitalismo burgués, xa en crise desde mediados do século XIX, mesturado cun movemento de liberación nacional, propio do pobo xudeu, o sionismo. Estas comunas foron a forma de migrar máis adecuada para a gran maioría dos olim, xa que chegaban a este estado en formación sen recursos materiais nin capacitación e, por outra banda, o kibbutz brindáballes contención social ademais de seguridade física. 

Fóra diso, o kibbutz era un instrumento máis que apropiado para a colonización do territorio e o mantemento das fronteiras. Os valores formulados reflectían necesidades do momento, tanto no aspecto económico, como no social: aos valores de propiedade colectiva dos medios de produción e traballo xudeu (que implicaba nese entón sobre todo unha "volta á terra", é dicir ocuparse da agricultura, tan allea a aquela intelectualidade burguesa da que proviñan nos seus países de orixe, pero tamén a construción e, posteriormente, a industria), debemos agregar os servizos colectivos (comedor, lavandería, entre outros, así como a educación colectiva, incluíndo a "durmida" dos nenos en forma colectiva), cando todo se baseaba no principio de " A cada un segundo a súa posibilidade e a cada cal segundo a súa necesidade".

Logo de case un século da creación de Degania Alef, o primeiro modelo de kibbutz, a kvutzá (como un kibbutz, pero máis pequeno), oímos en forma permanente falar dos cambios nos kibbutzim, cambios que anuncian a extinción desta sociedade. Tal aseveración podería ser o retruque a aquelas palabras de Buber, é dicir, o experimento perdurou, pero fracasou.

Esta afirmación debe ser revisada. Ante todo, o simple feito da súa existencia logo de case un seculo, fala do éxito do experimento e non do seu fracaso. É a sociedade con principios cooperativistas que logrou superar a fronteira teórica da terceira xeración, principio que enuncia que toda sociedade experimental pode durar tres xeracións como máximo, xa que esta terceira a modificara de tal forma que os seus principios básicos non coincidirán con aqueles postulados como fundamentais polos seus creadores.

Pois ben, esta xeración que pasa a ser membro do kibbutz é a cuarta e, aínda que se debaten determinada mudanzas na forma de distribución de servizos (privatización) en gran parte dos kibbutzim e en parte deles ate se estuda a forma de remuneración dos seus membros, aínda os medios de produción seguen sendo colectivos, así como o é a súa educación, de tal forma que se conserva o principio de igualdade de posibilidades naqueles asentamentos que queren seguir sendo considerados como kibbutzim.

Os cambios existen e son importantes, e é que a realidade circundante é moi diferente á que daba forma e apoiaba a unha comuna pequena, autónoma, íntima, agrícola, política e ideolóxica claramente identificada de principios do século pasado; neste principio de novo século xustamente os principios opostos son os que están en boga: unións de economías para formar macro-corporacións, globalización, tercerización da produción e neutralidade e apatía ao que cheira a ideoloxía, xa nin falar de política. O kibbutz, como un barco no medio da tempestade, busca a forma de levar adiante a súa sociedade e a súa facenda, adaptando as súas ferramentas a estes ventos cambiantes, pero intentando conservar a súa esencia.

Comentarios