OS ERROS DO NACIONALISMO


Por Josep Carles Lainez

Sempre tiven o convencimento de que unha persoa pode ser todas as cousas que queira, e ao mesmo tempo. É dicir, de esquerdas e de dereitas, católico e comunista, gai e conservador, cazador e amante dos animais… Trátase dunha liberdade non só defendíbel, tamén rica per se e necesaria para transformar o mundo máis alá do cuarto de cores grises onde moramos. E se a persoa en concreto se contradí, e alguén se o bota en cara, xa terá os arrestos de responder como Miguel de Unamuno: e a vostede quen lle manda entremeterse?
Vén isto porque, nas miñas humildes entendederas, e a través do coñecemento cereño proporcionado pola experiencia, o internacionalismo e o nacionalismo non se me emparellan ben. O nacionalismo ten un punto de orgullo e de reaccionarismo sen o cal non lle sería doado existir. Non se confronta cos outros nacionalismos (agás con un, o da nación sob a éxida da cal se topa), pero péchase en banda perante calquera ataque aos seus sinais de identidade (a lingua, a bandeira, o himno, o territorio, os costumes, a historia…). Se un nacionalista se ve ameazado en calquera destas frontes, vai saltar sen pensalo, a modo de tigresa na defensa dos seus cachorros.
Agora ben, a mala conciencia (se o individuo, así mesmo, se proclama “de esquerdas”) saltará se quen formula o ataque non é un maldito centralista, senón un pobre inmigrante. Unha mala conciencia verdadeiramente insolúbel, e, sen dúbida, causarálle problemas se non acepta o que é –nacionalista– e que atura tal cousa. Penseino moitas veces do nacionalismo valenciano. Facíame a pregunta, cando lía aos próceres do pensamento de aquí, é dicir, se eran máis nacionalistas ou máis de esquerdas. E de maneira obsesiva e reincidente cheguei á conclusión de que non existía o nacionalismo valenciano, senón a esquerda valenciana con ribetes nacionalistas, o cal non quere dicir que non haxa sinceridade nas formulacións deste talante, senón unha supeditación aos vetores socialistas/comunistas. A este respecto, lembro unhas liñas memorables de Jon Juaristi sobre un dos poetas malditos idolatrados da miña mocidade: Jon Mirande (pagán, escritor en córnico e bretón ademais de en euskera, nacionalista vasco, provocador nato, lector en todas as linguas de Europa, pederasta, esquizofrénico e suicida). Juaristi fai referencia a unha saída de ton de Mirande defendendo Francia con rabia e con decisión. Lonxe ficaba esa imaxe do independentista Mirande, e de como hai algo que somos por riba de calquera elección pública ou estética (Mirande, francés).
O Bloque Nacionalista Galego demostrou recentemente que tampouco é nacionalista. E por que digo isto do BNG? Pola recente decisión do Consello Comarcal de Vigo de abrir un expediente, retirar a militancia e expulsar do partido a Pedro Gómez-Valadés, responsábel da área de Cultura e Lingua da Executiva nacionalista na comarca viguesa. A causa non é outra que exercer a súa liberdade de expresión mediante a presidencia da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI). En palabras de Manuela Rodríguez, responsábel comarcal do BNG de Vigo, que recollo do xornal La Opinión da Coruña, o goberno de Israel aposta por "prácticas imperialistas, e declarar o contrario é incompatíbel cos principios nacionalistas". Principios nacionalistas?, prácticas imperialistas? Deduzo de tal afirmación que para a dona Rodríguez o nazismo alemán non era en absoluto nacionalista, dada a súa política imperialista en Europa, Asia e África; nin para os leoneses e asturianos o será o propìo BNG, dada a súa clara defensa da galeguidade do Bierzo e da zona do Navia-Eo, o que é visto como unha clara "intromisión imperialista" por moitos dos oriúndos deses antigos reinos. Ou non ten o irredentismo, séculos despois, modos de imperialismo? O que temos que apreciar é que ocorre cando un partido de esquerdas, o BNG (e non estou criticando á esquerda, senón facendo ver que a conxunción esquerda/nacionalismo reivindicativo é falaz; as diferenzas deste grao xa chegarán unha vez obtida a independencia) lle ve as orellas ao lobo do nacionalismo. Porque a verdade é que non hai país no mundo, e menos aínda en Europa, que obteña a independencia facendo valer dereitos milenarios. Podemos defendelos para os sioux, os vascos, os zulúes –incluso para os afroamericanos– e non para as xudeus? Porque, non o esquezamos, nunca deixaron de vivir xudeus no actual Estado de Israel.
Non obstante, o BNG non quixo ver o modelo que deberían ser os nacionalistas israelís (e incluso para algúns poderían selo incluso os radicais israelís, na súa loita contra o poder colonial británico) para os nacionalistas de Europa no que fai a exaltación do pasado, a resurrección da súa lingua, a orgullo de Nación, á intención de liderar unha potencia e non só subsistir, a crear un Estado laico ao modelo occidental (pois os israelís son europeos na súa maioría), a ser unha referencia de unidade e de resolucións, a experimentar un socialismo que entusiasmaba, á felicidade de volver á súa patria, á necesidade de vivir en paz para sempre, lonxe de tantos perigos, persecucións e matanzas...
Os independentistas europeos de Gales, de Sicilia, de Córsega, de Galiza ou de Valencia, nisto, deberian de ter como modelo a Israel, non a países árabes (onde tan diluído está o nacionalismo, se existe) ou aos Estados africanos nados daquela ondada de abandono e espolio que supuxo o seu acceso á independencia política. E, sobre todo, deberían ver tamén que é un país normal e de alto nivel. Que lean, por favor, que lean a Etgar Keret, visionen a Amos Gitai, e escoiten a Aviv Geffen.
Un nacionalista busca referentes. Israel proporciona un número infinito. Sen embargo, o BNG non é nacionalista. E non o é porque se fixo a pregunta: que di a esquerda do conflito de Oriente Medio? Que Israel é asasino, xenocida, bárbaro, colonialista, imperialista… Pois se o BNG é de esquerdas ten que pensar así, obviando preguntarse que é o nacionalismo e quen é nacionalista. Por iso, deduce, se alguén no BNG defende a esa entidade política non é de esquerdas e está en contra de nós: expulsión.
Bo exercicio soviético demostraron: non ao debate, só silencio. E aínda quedáballes unha última coronilla: que Pedro Gómez-Valadés pida perdón. Perdón por defender a existencia de Israel e a convivencia pacífica de dous Estados, como se afana en repetir tamén no xornal La Opinión da Coruña? Perdón por exercer a súa liberdade individual? Perdón por facer uso dos medios de expresión que lle proporciona o Estado de dereito, a Constitución e a Declaración dos dereitos Humanos? Ou non se da de conta o BNG de que está vulnerando todos eses dereitos? Quen decide quen é do BNG ou non? Tamén expulsará a un amante das corridas de touros? A alguén que defenda a lingua asturiana e o dereito da súa Academia de rexer as linguas do actual Principado? Onde remata a caza de bruxas cando comeza?
Produce pavor ver con que impunidade ponse couto ás liberdades máis íntimas de cada un de nós. E como un partido progresista (ou polo menos así se autocualifica) as ataca con máis saña. Ao fin de contas, que terá que ver Israel co nacionalismo galego? Ate que grao se está envelenando á sociedade cun novo antisemitismo de luva branco?

Comentarios

Colazo dixo…
"prácticas imperialistas, e declarar o contrario é incompatíbel cos principios nacionalistas" do BNG se entende
Se Moncho dixo…
Pergunto-me que caralho se lhe perdeu ao BNG na Palestina.

Nom que nom poda ter umha opiniom, mas que este tema seja umha questom fulcral parece-me cousa de tolos.

Desde fora, que haja gente no BNG com distintas opinioes sobre o conflicto arabe-israeli, parece-me cousa boa.
Unknown dixo…
Efectivamente, O BNG é sobretudo e acima de tudo umha força de extrema esquerda inimiga da liberdade e de nacionalismo mais bem pouco. Falam espanhol às primeiras de cámbio, nom pressionam ao PSOE para a mudança de política linguística, usam o espanhol em campanhas como a de Ternera Gallega.......