QUEN PODE ESCRIBIR POESÍA


Tristeza. Profunda vergonza da miña condición de ser humano. Non podo atopar as palabras que poidan reflectir na súa negra fondura o que feitos coma a persistente e perversa negación do Holocausto me producen.

Tiro da memoria e recupero algunha vella frase de noxo, de noxo e de tristura de quen en poucas verbas puido si achegarse, só achegarse, á inmensa escuridade que revisitar a Shoá deixa na alma de calquera que milite na súa condición humana.
George Steiner -- "o mundo de Auschwitz xace fóra da linguaxe tal como xace fóra da razón"
Ricardo Piglia -- " ¿Qué diríamos hoxe que é o indecible? O mundo de Auschwitz. Este mundo está máis alá da linguaxe, é a fronteira onde están as alambradas da linguaxe. Aramio de púas: o equilibrista camiña, descalzo, só alá arriba e trata de ver se é posíbel dicir algo sobre o que está doutro lado".
Theodor Adorno – "despois de Auschwitz escribir poesía é un acto de barbarie. Quen pode escribir poesía despois de Auschwitz?".
Shalom

Comentarios