Conversa con Olof Palme




Por Amos Oz
 
Vou contar unha vella historia: Sucedeume en Suecia durante a Guerra do Líbano de 1982. Era moi difícil ser un israelí neses momentos, pero publicara 'Na Terra de Israel', e fora traducido ao sueco. Aparecín nun programa da televisión sueca das 9 da noite, cando a audiencia era máis elevada.

A entrevistadora preguntoume: 'Dígame, non lle dá vergoña ser un xudeu nun momento como este?'.

Eu contesteille, 'Por que?' e ela díxome: 'Os seus, a súa xente, están implicados en asasinatos. Iso vai en contra da súa relixión'.

Eu entón respondinlle: 'Teño unha noticia para vostede...  Israel non é un país cristián. E a pesar de que poida serlle difícil aceptalo, nós non pomos a outra fazula'.

Iso contesteille, e tras terminar a entrevista funme á cama. Ao día seguinte, ás 7 da mañá, recibo unha chamada do recepcionista do vestíbulo do hotel: 'Alguén pregunta por vostede aquí'. Non recoñecín o nome que me anunciou. No entanto, baixei e tiven unha especie de premonición. Atopeime cun ancián duns 80 anos, un xudeu, un sobrevivente do Holocausto.

'Escoitamos o que dixo onte á noite na televisión, e abrimos as oficinas do Comité Xudeu de Estocolmo e dedicamos árbores no seu nome no libro de ouro'. Eu pregunteille, 'Por que?' e el contestoume: 'Porque vostede díxolles que non somos cristiáns'. Contesteille: 'Oh, vaia...' e el proseguiu: 'Fillo, ao parecer non te decatas do que fixeches'.

E tiña razón, realmente non me dei de conta, porque cando me mostraron os titulares dos diarios suecos podíase ler: 'Escritor israelí afirma: Israel non é un país cristián'. Imaxínense un titular na páxina 3 dun xornal israelí dicindo 'Escritor sueco en Xerusalén: Suecia non é un país xudeu'. E iso foi só o comezo de máis sorpresas.

Ás 10 da mañá chegoume unha chamada dicindo que o primeiro ministro, Olof Palme, quería falar comigo. Eu non o coñecía. Fun até alí camiñando, estaba preto. A súa oficina era moi modesta. El díxome que me vira na televisión e que lle sorprendeu: 'Como puido dicir que matar non está prohibida no xudaísmo? Que pasa cos Dez Mandamentos?'.

Foi cando lle contestei: 'Primeiro ministro, non existe tal mandamento en toda a Biblia'. Sorprendido, só acertou a dicirme: 'Que...?' Así que llo repetín: 'Non existe tal mandamento'.

Entón o primeiro ministro sueco premeu o botón do intercomunicador e ao cabo dun minuto a súa secretaria entrou levando un libro cunha cuberta desgastada de coiro verde. Ao parecer era a Biblia da súa confirmación, a cal abriu rapidamente, demostrando que a coñecía ben, e entón leume en voz alta: 'Non matarás'.

Eu contesteille: 'Xa sei que é así como aparece na súa Biblia. Na versión de Martin Luther en alemán, na de King James en inglés, pero iso non é o que di o texto orixinal'.

Entón el preguntoume: 'Que di na súa?' e entón respondinlle: 'Non cometerás asasinatos'.

E engadín: 'Non existe un víncello etimolóxico en hebreo entre o verbo matar e o verbo asasinar. Desde logo, matar non só está permitido, senón que nalgún caso recoméndase: 'Se alguén vén matarte, levántate e mátao ti primeiro'.

Palme quedou tan sorprendido que soamente pronunciou unha frase que nunca esquecerei: 'Pero señor Oz, está vostede seguro de que a súa versión da Biblia é a versión correcta?'.

Comentarios