Pouco despois detivémonos para xantar. O descer do vehículo deime case de fuciños con algo absolutamente inesperado. Un rótulo comercial que en hebreo, en árabe e en inglés, anunciaba: "VIGO FASHIONS".
Lino varias veces para ter a seguridade de non enganarme. ¿Qué significado podería ter esta denominación? Había moitos Vigo no mundo. Ademais dos nosos, cóntanse media ducia, polo menos, en Italia. A maioría dos emigrantes teñen o costume de utiliza-los nomes queridos. Toda a América do Sur está chea de exemplos.
Pola contra, os que retornan, adovían as nosas rúas con exóticos topónimos procedentes dos lugares onde permaneceron. O responsable daquel "MODAS VIGO", moi ben podía atoparse neste caso. Mais, ¿de qué Vigo se podía tratar?
Aproximeime. O edificio tiña un par de alturas, fachada acristalada e balcón. No escaparate exhibíanse traxes de home e panos. Pero estaba fechado. Por máis que me esforcei a través dos vidros non conseguín distinguir a ninguén no seu interior. O remata-la comida, saín a toda presa, coa esperanza de poder coñecer entón ó significado daquel letreiro, chantado en pleno Xerusalén como unha bandeira. Esta vez tiven máis sorte. O establecemento estaba aberto e había varios "hassidim" no seu interior.
Correspondín cun sorriso á ollada de pescuda dos dependentes. Estou seguro que deberon de pensar que me trabucara de lugar, xa que unha persoa en zapatillas e coa máquina fotográfica e os prismáticos encolgados do lombo, non semellaba excesivamente habitual nunha xastrería de alta confección.
Dei unha volta polo interior, con certo vagar, aparentando examinar maniquís e tecidos. Despois, convencido de non coñecer a ninguén, saín. Os meus compañeiros estaban xa a subir ós autocarros.
¡Quelo!... ¡Quelo Nande!...
¡Quelo!... ¡Quelo Nande!...
Era unha voz infantil, ás miñas costas. Decateime de que non era a de Miguel. Pero, ademáis, acababa de me chamar por un apelativo que non coñecía ningún dos que viaxaban conmigo. Vireime en redondo. Na porta do establecemento había un neno de oito ou nove anos, a ollar para min.
"¿É vocé Quelo Nande?" - preguntoume, cun acento que non era exactamente portugués.
"¿Mas, vocé quem é? - pregunteille á miña vez.
Antes de que poidese respostar, xurdíu na porta un home voluminoso e barbudo, distinto dos que vira no interior, en chaleque e mangas de camisa, a ollar cara a min sorrinte. Mais tampouco el me resultaba familiar.
Detívose ó adverti-las miñas dúbidas, e apuntándome cun dedo, dixo: "¡Carmiña, tira a gol!"... "¡Tira a gol, Carmiña!"...
Decateime de inmediato de quen se trataba. ¡Natalio!... -esclamei aínda incrédulo- ¡Natalio Cohen!...
¡Esta sí que é unha sorpresa! Démonos unha forte aperta. Debía de facer case doce anos que non o vía. Fóramos compañeiros de clase, e xogáramos xuntos ó fútbol. Daquela, Natalio era un home áxil, que contaba cunha potencia de disparo temible. Resultaba case irrecoñecible baixo aquela gordura e aquelas barbas. Tanto tempo xuntos e nunca chegara a sospeitar que fose xudeu. Para min era somente un condiscípulo extranxeiro, e chamábamolo "Schneider" -xastre, en alemán porque esta era a profesión do seu pai.
-Casei cunha brasileira -explicoume, ó me presentar ó pequeno-. Non nos puñamos de acordo có nome, xa que ela quería porlle Jonathan, mentres que eu prefería Xoán. Así que partimos polo medio e puxémoslle Joao. A ela lémbralle o país da súa nenez, e a min tamén, xa que se pronuncia igual que en galego.
O rapaz sorriu. Acompañáronme ata o ómnibus, que xa se dispuña a partir. Polo camiño fíxome varias preguntas sobre a cidade e algúns coñecidos. Percibín o entusiasmo que Ile produciron as miñas respostas.
-Isto non pode quedar así -dixo, de repente-. Temos que falar con mais vagar. ¿Onde te hospedas?
Asombroume a soltura coa que se expresaba, anque misturase palabras e construccións brasileiras. Sen embargo, en clase sempre tivera dificultades co castelán. Achegouse ó noso vehículo e cambiou unhas palabras có chófer e a guía.
-Hoxe é un día especial -díxome despois-. É "sexta-feira", é dicir, venres. Esta noite comenza o noso "sabbath". Non che admito unha negativa. Pasarei a recollerte ó "por do sol".
Cando partimos, vín como permanecía a saudar no borde da aceira. Notábaselle a satisfacción por aquel inesperado encontro. Eu non sabía aínda se alegrarme ou non. Mais, en todo caso, sentinme fortemente impresionado. Tanto, que nin siquera me decatei do que ía explicando Raquel, nin os lugares polos que estábamos a pasar. Acordei somente ó chegar ó monte Sión.
Do libro: "Xerusalén, Xerusalén!..." (Edicións do Cumio) de Xoán Bernárdez Vilar, escritor e historiador, membro da Real Academia Galega. Este libro e do que está tirado este fragmento foi escrito froito das súas experiencias desde a súa primeira viaxe a Israel no ano 1967 e na que durante a súa estadía estoupou a Guerra dos Seis Días e as posteriores visitas de novo nos anos 1987 e 1990. Incomprensiblemente o libro fica esgotado a pesar da permanente demanda de exemplares e do inusual da temática da que Xoán Bernárdez se ocupa no noso idioma.
Comentarios