Os Estados Unidos acaban de facer máis difícil a paz no Oriente Medio


Por Elliott Abrams e Michael Singh
The Washington Post - 25.12.2016

Avaliando o conflito palestino-israelí ao asumir o seu cargo, o presidente Obama decidiu que os asentamentos israelís eran o problema, e insistiu nun conxelamento total da construción. O que seguiu foron oito anos de estancamento, de deterioro das relacións dos Estados Unidos cos israelís e palestinos por igual, e a desilusión xeneralizada coa solución de dous estados.

A pesar deste historial, Obama preferiu deixalo por onde comezou: Abandonando o habitual papel de Washington de defensor de Israel nas Nacións Unidas, os Estados Unidos negáronse a usar o seu poder de veto e permitiron a adopción dunha resolución do Consello de Seguridade que condena os asentamentos israelís.

Pola súa banda, o presidente electo Donald Trump instara a que os Estados Unidos vetasen a resolución. O argumento de Trump non foi simplemente que Obama debería considerar as opinións do seu sucesor ou que a resolución era claramente anti-Israel. Tamén comentou que a medida impediría, en lugar de promover, a paz entre Israel e Palestina, e tiña razón.


En primeiro lugar, a resolución non quere distinguir entre a construción nos chamados bloques -é dicir, os asentamentos ao oeste da barreira de seguridade de Israel, nos que viven aproximadamente o 80%  dos colonos- e a construción ao leste da devandita barreira. A construción nos principais bloques é relativamente pouco controvertida en Israel e de cando en cando é o tema das protestas palestinas.

O presidente George W. Bush tratou de mover cara adiante as conversas de paz en 2004 afimando aquilo que todas as partes tiñan xa recoñecido tácitamente, é dicir, que non pode haber retorno ás fronteiras de 1967 á luz da existencia dos bloques, e que calquera fronteira negociada tería que reflectir esta realidade. Ao negarse a confirmar a posición de Bush, Obama arrastrou o proceso cara atrás e nocivamente reabriu vellos debates.

Esta regresión atópase consagrada na actual resolución, que "pon de manifesto que non recoñecerá ningún cambio" ás liñas de armisticio, e esixe o cesamento de todas as actividades de asentamento en todas partes. Isto é innecesario e pouco realista, xa que os israelís non admitirán unha detención naquelas cidades que ninguén discute que manterán, e é máis que probable que esa petición poida obstruir, máis que facilitar, a continuación das conversacións de paz.

En segundo lugar, a resolución recompensa aos que avogan pola "internacionalización" do conflito, é dicir, levalo aos foros internacionais, como a ONU, a Unión Europea ou o Tribunal Penal Internacional, para así impor condicións a Israel en lugar de recorrer ás negociacións.

E a resolución, en efecto, trata de impor condicións a Israel e non só condena a actividade de asentamentos. Adopta a posición de que as liñas de 1967, en lugar das realidades de hoxe, son as que deben constituír a base das conversacións, a pesar do feito de que moitas comunidades israelís no leste desas liñas teñen décadas de antigüidade e que os xudeus tiveron unha presenza case continua en Cisxordania durante miles de anos.

Implicitamente prexúlgase a resolución de Xerusalén Este -un dos temas polémicos que dividen ás partes- mediante a caracterización da construción israelí alí como meras actividades de asentamentos, unha postura que os israelís rexeitan. A resolución esixiría o cesamento absoluto da construción en Xerusalén Este, mesmo no barrio xudeu da Cidade Vella, algo que ningún goberno israelí nunca estará de acordo en aceptar.

Con todo, a resolución mantén un rechamante silencio sobre as preocupacións de Israel. Non hai ningún chamamento para outros estados recoñezan a existencia de Israel - e moito menos o seu estado como un Estado xudeu - e que poñan fin ao conflito na súa contra. Respecto da incitación e o terrorismo, establécese ese falso equilibrio que se limita a pedir a "ambas as partes" que se absteñan deles, a pesar do feito de que Israel persegue aos seus cidadáns que recorren ao terrorismo, mentres que a Autoridade Palestina idolátraos, nomea barrios e escolas co seu nome e subvenciona ás súas familias.

Ironicamente, aínda que desde o punto de vista israelí esta linguaxe pode favorecer aos palestinos, os palestinos razoables poden sufrir por iso. Debido a que a resolución, allea como é a calquera iniciativa diplomática prospectiva ou de abertura, producirá máis problemas que melloras sobre o terreo, desacreditando aínda máis a noción mesma de diplomacia e de compromiso como vías para a paz, debilitando a aqueles que os defenden.


Por último, o apoio estadounidense a esta resolución lexitimará e estimulará o desproporcionado e unilateral enfoque da ONU sobre Israel. Os Estados Unidos han criticado historicamente este rumbo que limita co absurdo: Por exemplo, Israel é o único país criticado por unha comisión especial da ONU sobre a situación das mulleres, a pesar de ser o único estado na rexión na que as mulleres teñen os mesmos dereitos que os homes

Décadas de tal discriminación non fixeron que Israel se volva máis compracente cos seus críticos, e esta resolución non o fará. No seu lugar, reforzará a desconfianza dos israelís sobre a ONU, erosionando así a capacidade do Consello de Seguridade de contribuír á paz que di querer facer avanzar.

Un veto dos Estados Unidos á resolución non suporía un respaldo dos asentamentos, máis ben, sería unha afirmación de que este é un problema que só pode abordarse eficazmente mediante negociacións directas entre as partes. A mellor maneira de animar esas negociacións non é prexulgar o seu resultado ou uns horarios establecidos, senón crear as condicións rexionais acaídas para eles fronte a aqueles que como Irán e o Estado Islámico opoñense á coexistencia pacífica, así como as condicións locais adecuadas para revitalizar os programas destinados á construción de confianza a través da cooperación económica e de seguridade.

A paz no Oriente Medio non se logrará a través dunha votación na ONU. Máis ben, habería que renovar o liderado dos Estados Unidos na rexión e a reconstrución das relacións de confianza con todos os nosos socios alí. Por aquí é por onde a próxima administración debería comezar.

Comentarios