Cómo a UNESCO borra a Historia




Bob Dylan, que ven de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura, tiña unha marabillosa canción chamada "Forever Young" que comeza con estas palabras: "Que Deus che bendiga e protexa sempre. Que todos os teus desexos se fagan realidade". Dylan contou que recolleu estas marabillosas liñas dun rezo xudeu antigo que aparece no "Libro dos Números" (versículo 24, capítulo 6). Esta oración é a escritura máis antiga xamais atopada e foi descuberta gravada nas táboas de prata da época do Primeiro Templo. Foi atopada nunha cova en Xerusalén escrita no hebreo antigo. Investigadores datárona aproximadamente no 600 antes de Cristo. 

Xa entón, Xerusalén era unha vibrante cidade xudía onde a súa vida, comercio, rezos e mesmo discusións realizábanse en hebreo. O hebreo, por certo, era tamén a lingua usada por Xesús 600 anos máis tarde cando entrou en Xerusalén montado nun burro. Quizais por iso, a última decisión da UNESCO de negar o vencello histórico entre Xerusalén e os xudeus e o xudaísmo é tan ofensivo e exasperante. Eles mesmos non se molestan a explicar a decisión limitándose a establecer de xeito arbitrario que o Monte do Templo e o Muro Occidental (Muro das Lamentacións) adxacente, pertencen aos árabes-palestinos ao usar só os nomes árabes dos dous lugares a pesar de que a mesquita Al Aqsa foi construída nas ruínas do Templo xudeu uns 1300 anos despois. A Unesco decidiu por razóns políticas borrar a historia tal e como realmente foi. E no camiño tamén borrou a súa propia integridade e os restos de confianza e respecto que aínda lle quedaban a alguén cara á organización.

O que é máis embarazoso aínda é que nacións democráticas con coñecemento da historia-como España, Francia e Italia, abstivéranse na votación. Seguindo a mesma lóxica, España está disposta a devolver Andalucía aos musulmáns que lle deron o seu nome orixinal? Eu se que pode parecer que intencionadamente estou a levar o asunto ao absurdo extremo pero, por que é absurdo cando se trata de Europa e non cando alguén tenta negar non só o presente de Israel senón o seu pasado? Esta resolución é tan extrema e os seus motivos son tan ofensivos que crearon mesmo desconformidade no seo da UNESCO. O director do Consello Executivo desculpouse pola medida sinalando que "é moi consciente da relación entre Xerusalén e os xudeus que nunca negarei". A directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, desmarcouse da decisión e aclarou que "Xerusalén é a cidade do rei David". Eu quítome o chapeu cara a eles pola súa honestidade pero só fai fincapé na tolemia: dous dirixentes da UNESCO deben anunciar de forma oficial que o escrito na Biblia e nos libros de historia é correcto porque a organización que encabezan argumenta o contrario. Non me sorprendeu. Desde hai tempo, a obsesión dalgúns organismos da ONU cara a Israel non é ningún segredo. Na última década, o Consello de Dereitos Humanos da ONU aprobou 61 resolucións condenando a violación dos dereitos humanos en todo o mundo, desde os 400.000 asasinados en Siria até Afganistán, Darfur ou Iraq e outros conflitos no mundo. Na mesma década, a organización aprobou 67 resolucións de condena a Israel. Non é un erro tipográfico. O Consello de Dereitos Humanos da ONU condenou a Israel, unha democracia que se rexe polo Dereito Internacional e protexe os dereitos da minoría, máis veces que o resto de países do mundo xuntos. 

Outras organizacións da ONU tomaron parte desta tolemia obsesiva. Por exemplo no 2014 a Asemblea Xeral da ONU realizou 24 condenas. Entre elas, 20 contra Israel e só unha referiuse a Siria. No seu último informe, a Organización Mundial da Saúde (OMS) condenou só a un país. A Israel. A condena centrouse no que a OMS chamou "ocupación israelí do Golán". Non fixo mención algunha ao feito que no outro lado do Golán, en Siria decenas de miles de nenos son asasinados e a única participación de Israel nos asuntos de saúde é traer nenos de Siria aos nosos hospitais para ser tratados. Podería dar máis exemplos pero creo que entenderon a idea. Os feitos aparentemente non teñen importancia para a ONU. Cando lles dis que a única lóxica explicación é o antisemitismo, eles poñen cara de asombro e din que é unha vergoña que os israelís usen sempre este argumento. De verdade? Teñen algunha outra explicación para este obsesivo foco nunha soa nación, grupo e conflito? Teñen algunha outra explicación para que o único país de Oriente Medio que garante a liberdade de relixión a todos (traten de pensar noutro país ) é o que é atacado diariamente? Teñen algunha outra explicación para que a UNESCO ignore o feito de que Israel, o Estado xudeu, prohibe aos xudeus rezar no Monte do Templo para non ofender as sensibilidades dos musulmáns? Teñen algunha outra explicación de por que a resolución protesta ante os xudeus que visitan o Monte do Templo "de extrema dereita" o que supón unha flagrante intervención na política interna israelí? Que lle importa á UNESCO o lado do mapa político ao que pertencen? Quen lles ditou esta cláusula na decisión votada? 

Á parte de escandalosa, a resolución é tamén perigosa. O Monte do Templo é o lugar máis sensible de Oriente Medio e quizais do mundo. A onda de terrorismo contra Israel deste último ano estalou ao redor de teorías conspirativas difundidas por fundamentalistas islamitas segundo as cales Israel tenta variar o status quo no Monte do Templo. Israel explicou que non temos ningunha intención en mudar o status quo ou danar os dereitos dos musulmáns. Eu son membro da oposición en Israel pero neste caso podo dar fe que o noso Goberno di a verdade e cúmprea a pesar das dificultades. Cando mozos palestinos, xa alimentados pola incitación contra Israel, len a última decisión da UNESCO convéncense de que as teorías conspirativas son certas. O seguinte paso é coller un coitelo, arma ou cóctel molotov e levar a cabo un ataque terrorista. Persoas morrerán. Inocentes que non fixeron nada malo morrerán. É o que adoita pasar cando organizacións irresponsables métense en complexas e sensibles situacións que non entenden. 

Cando o Comité Executivo da UNESCO se reuna para ratificar esta resolución, os países que se abstiveron deben votar e tomar posición. Poden tomar posición a favor da historia, feitos e verdade ou poden admitir que teñen un problema cos xudeus o que é só un recordatorio de por que o noso pobo necesita un país forte e libre.

*Yair Lapid é líder do Partido Centrista "Yesh Atid", ex ministro de Finanzas e membro do Comité de Defensa e Exteriores do Parlamento israelí.

Comentarios