Como Israel se converteu na terra das startups?

Nas últimas décadas Israel converteuse nunha das maiores potencias tecnolóxicas do mundo. Con pouco máis de oito millóns de habitantes - menos que a poboación de Andalucía - Israel conta con máis de 4.000 empresas tecnolóxicas e 80 das 500 maiores corporacións de todo o mundo teñen neste país filiais dedicadas á I+D+I.

Microsoft, Facebook, Apple, Paypal, Google, Intel, Cisco, IBM, AOL, Hewlett Packard, Siemens, General Electric ou Philips son só algunhas das moitas empresas cuxos produtos usamos no día a día e que dependen en grande medida dos procesos de investigación, innovación e das capacidades creativas e tecnolóxicas que se desenvolven en Israel.

Pero como conseguiu un país tan cativo e en permanente alerta contra as ameazas exteriores converterse nun dos líderes da innovación en todo o mundo? Moitos analistas aluden a factores educativos e culturais que, sen dúbida, tiveron unha grande influencia no proceso, pero é innegable que tamén tiveron moito que ver niso as políticas públicas e as fortes apostas institucionais.

Por exemplo, a promoción do capital risco, a ambición por construír un auténtico ecosistema de emprendemento e innovación ou a apertura aos movementos migratorios son algunhas das claves deste enorme éxito económico.


E é que os resultados non deixan lugar á dúbida: desde finais da década dos 80, Israel duplicou a súa poboación, multiplicou por catro o número de empregos e medrou a unha taxa media do 4% anual, de tal xeito que o seu PIB per cápita de 36.000 é, hoxe, superior, por exemplo, ao de España ou Italia.
. .

Comentarios