Amina Hussein |
Por Amina Hussein*, (xornalista kurda residente en Barcelona) e Andreu Barnils
Vilaweb - 30.07.2016
“No
pasado, a cuestión dun estado curdo independente considerábase causa de guerra.
Non había máis que dicir “Kurdistán” para que a xente se puxera nerviosa. Se o Iraq
divídese, cousa que semella inevitable, os curdos son os nosos irmáns”. Estas
palabras, publicadas no diario Financial Times o 27 de xuño de 2014,
pronunciounas Shimon Peres, daquela presidente de Israel. E aínda máis:
Benjamín Netanyahu, o actual primeiro ministro israelí, mantén o espírito daquelas
declaracións: “Damos todo o noso apoio a un estado independente curdo”, dixo
nalgunha ocasión. Pero que hai detrás desta simpatía israelí cara aos curdos?
Relacións económicas e militares
O
goberno da Rexión Autónoma norteña do Iraq (KRG) nega que teña relacións
económicas con Israel. Sobre a venda de petróleo, din: “Nós vendemos petróleo a
mercados internacionais. Tanto nos ten quen o merque. A cousa que nos importa é
poder armar as nosas forzas curdas de Peshmerga”. Estas declaracións asemellanse
ás que fixo en 1970 o Sha de Persia, nunha entrevista nun medio italiano sobre
a venda de petróleo iraniano directamente a Israel. Segundo un informe
publicado polo Financial Times o 24 de agosto de 2015, Israel merca no
Curdistán Iraquí o 77% do petróleo, que equivale a 19 millóns de barrís.
En
canto á venda de armas israelís ao goberno curdo, Israel é considerado o único
país da zona cunha produción de armamento e actualmente o pobo curdo é o único
que ten unha guerra aberta contra o autodenominado Estado Islámico (ISIS). Os
curdos son os que máis diñeiro invisten na compra de armas. Segundo algunhas
fontes consultadas, mesmo pode suceder que Israel estea a adestrar peshmergas.
E aínda máis: hai moitos voluntarios israelís loitando cos curdos contra ISIS,
unha información que foi negada por
Falah Mustafa, o ministro de Asuntos Estranxeiros da KRG.
Mustapha Barzani en Israel |
Relacións históricas entre o pobo xudeu e o pobo curdo
Xudeus
e curdos son dous pobos que se consideran minoría no Levante. Aos uns e aos
outros negouselle os seus dereitos de autodeterminación durante décadas. Aínda
así, mentres os xudeus conseguiron o seu soño e deron forma ao Estado de Israel,
os curdos persisten na loita para gozar dun estado independente.
Os
víencellos entre israelís e curdos iraquís teñen unha historia moi longa. Cando
os curdos rebeláronse contra a arabización do seu territorio por parte do
réxime de Baas, Mustafa Barzani, pai do actual presidente, estableceu un
primeiro contacto con Israel. Era o ano 1963. Os servizos de inteligencia israelís
do Mossad proporcionaron armas, diñeiro e apoio de intelixencia aos curdos. Hai
unhas cantas imaxes que confirman a visita de Barzani a Israel e tamén algunhas
reunións co ministro de Defensa de entón, Moshe Dayan.
Israel
está rodeado de países que non recoñecen a súa existencia. Quere ter vencellos
con pobos da zona que non sexan nin árabes nin turcos nin persas. Nos anos 70,
cando o pobo curdo de Iraq loitaba contra o réxime de Baas, o primeiro ministro
israelí, Menahem Begín, apoiou á loita curda. Desde o punto de vista israelí,
os curdos son vítimas das políticas árabes, comparables a opresión que tivo que
soportar o pobo de Israel.
Despois
da campaña xenocida do réxime de Baas contra os curdos, que lembrou o xenocidio
dos xudeus europeos, Israel reclamou con urxencia que se outorgase autonomía
aos curdos norteños de Iraq. Esta autonomía reforzouse despois da invasión
norteamericana de Iraq no ano 2003. Desde entón, as autoridades do goberno
curdo de Iraq mantiveron relacións cordiais cos seus veciños, incluído Israel.
O
éxito da KRG considérase un “perigo” para a maioría dos estados da zona, porque
ensina ás minorías étnicas e nacionais que poden conseguir aquilo que anceian.
Por outra banda, o goberno israelí, prevendo a posibilidade de ter que facer
incursións a Irán, mira o territorio curdo coma un aliado contra un inimigo
común.
Relacións actuais
As
relacións entre curdos e israelís reforzaronse despois da invasión iraquí de
Kuwait e as accións contra os curdos do norte de Iraq por parte do réxime de
Saddam Husein. As organizacións xudías de todo o mundo comezaron cunha intensa
campaña para reclamar axuda e solidariedade en favor dos curdos e pedir nos
Estados Unidos que este fixera presión sobre Iraq. Ademais, activouse unha
poderosa propaganda que beneficia a relación de EE.UU. co pobo curdo.
Despois
da invasión norteamericana contra Saddam Hussein, a prensa turca dicía que
Israel apoiaría á división de Iraq e que Massud Barzani encabezaría un estado
curdo independente ao norte do país. Por outra banda, e despois do ataque
israelí ao convoi turco da flotilla da liberdade ou Mavi Marmara, as relacións
entre Turquía e Israel conxeláronse. Ademais, o Partido de Xustiza e
Desenvolvemento (AKP) de Turquía mantén relacións moi estreitas con Hamàs, que
Israel considera unha organización terrorista. Este empeoramento da alianza
entre Turquía e Israel favorece tamén a boa relación israelí coa KRG.
Sen dúbida, a caída
do réxime de Iraq e a creación da autonomía curda ao norte do país foi o comezo
dunha nova etapa das boas relacións entre Israel e a KRG.
Comentarios