Por Jaume Renyer
Un dos conflitos agochados
mediáticamente é a causa nacional do pobo Igbo e que mantén viva a loita pola
independencia de Biafra despois da guerra dirixida polo estado post-colonial de
Nixeria para esmagala durante os anos 1967 a 1970. A poboación biafreña é
maioritariamente cristiá ou animista, mentres que a maioría nixeriana é
musulmá.
Existen varios movementos de liberación nacional en Biafra: The Movement for the Actualization of the Sovereign State of
Biafra (MASSOB), Indigenous People of Biafra (IBOP), Movement for the
Emancipation of the Niger Delta, entre outros, algúns dos cales dispoñen de
seccións que practican a loita armada contra as forzas do exército nixeriano.
Un feito moi significativo é a
existencia dende o ano 2000 do Biafra Zionist Movement (BZM) que se inspira na
causa nacional xudía e que ten orixe na axuda prestada por Israel a efémera
República de Biafra durante a guerra de hai cincuenta anos. Grupos de exiliados
biafreños en Europa Occidental participan activamente xunto con kurdos e
yazidites nas mobilizacións de solidariedade con Israel e contra o islamismo.
A prensa europea non se fixo eco
pero a africana si: hai poucas semanas o exército nixeriano asasinou a un grupo
de militantes independentistas biafreños desarmados, feito este que foi
denunciado por Amnesty International con moi pouco éxito. Actualmente a comunidade
internacional tenta deter o sanguinario grupo yihadista nixeriano Boko Haram
apoiando ao presidente Muhammadu Buhari, un militar musulmán que participou
activamente na guerra contra Biafra e que agora é o protexido de Occidente.
Comentarios