"É absolutamente incompatíbel afirmar a liberdade de Catalunya e negar ese mesmo dereito a Israel"



Jaume Renyer é un histórico do independentismo catalán. Aposta por unha Catalunya independente porque así o quere a "maioría social" deste país, aínda que augura que o proceso será longo. Nesta entrevista tamén defende un Estado de Israel en convivencia con outro Palestino.

Renyer foi militante do Partit Socialista d’Alliberament Nacional dels Països Catalans (1975-1979), militante e Nacionalistes d’Esquerra (1979-1983), de Esquerra Republicana de Catalunya (1991-2009) e membro da súa Executiva en 1991 e 1996. Militante e membro da executiva de Reagrupament Independentista (2009-2010). Actualmente é militante de Solidaritat Catalana per la Independència e é membro da súa Executiva Nacional desde 2010.

Jaume Renyer xunto a Josep-Lluis Carod-Rovira

Precisamente, a súa longa actividade política no mundo independentista fai que sexa unha voz autorizada para falar do proceso que se está vivindo en Catalunya. Recoñece que o acordo de CiU e ERC é xa un feito e está convencido de que a independencia é inevitable. Tamén anuncia unha forte competencia no campo independentista tras a entrada na Cámara das CUP.

Este militante independentista foi, ademais, un dos fundadores no ano 2009 --e primeiro president-- da Associació Catalana d'amics d'Israel xunto con personalidades da vida politica catalana como Pilar Rahola, Josep-Lluis Carod-Rovira, Jordi Pujol, Alfons Lopez Tena ou Joan B.Culla. Suliña que non hai ningunha incompatibilidade en ser independentista e defender Israel e asegura que a paz entre xudeus e palestinos só chegará cando os países árabes recoñezan o estado israelí.

Jaume Renyer xunto a Pedro Gómez-Valadés (esq) e Jon Iñarritu (dta)

Unha entrevista de Xurxo Sangado

Galicia Confidencial (GC).- Vostede é un histórico militante nacionalista, como ve a situación actual en Catalunya?
Jaume Renyer (JR).- Veterano, si, histórico esta aínda por ver. Até o momento moitas veces as causas que defendo (Israel, a incineracion de residuos, o republicanismo, por citar algunhas) non son maioritarias entre o independentismo. Neste momento existe unha ampla maioria social e parlamentar favorable á independencia que corresponde xestionar a CiU e ERC.

GC.- Confía na estabilidade do pacto asinado entre CiU e ERC?
JR.- Estes dous partidos chegaron a un pacto de goberno e ao acordo de convocar un referendum de autodeterminacion o ano 2014. Por responsabilidade patriotica hai que procurar axudar a acadar que estes obxectivos se alcancen exitosamente.

GC.- Como é posible que haxa converxencia na liña indepedentista entre a maior parte dos partidos cataláns?
JR.- Outorgando a prioridade á reivindicacion nacional catalá, que ao confrontarse coa orde estatal establecida incorpora as demandas sociais da maioria da cidadanía que padece as consecuencias do expolio economico e da dependencia politica.

Maioría social pola independencia

GC.- E cre factible a independencia de Catalunya?
JR.- Todos os datos económicos así o indícan, existe tamén unha maioría social favorable e unicamente falta un proceso democratico para poder consumala.

GC.- Que prazos baralla?
JR.- Según o acordo asinado entre CiU e ERC o referendum esta previsto para o ano 2014. Se o goberno espanol o impide entraremos nunha fase de conflito politico de duración moi incerta.

GC.- Con todo, o goberno español xa anunciou que se oporá a esta medida. Teme que poida darse un conflito armado?
JR.- O goberno español (e a maioria dos partidos españois) xa anunciaron que recurrirán a todos os medios ao seu alcance para tentar impedir a liberdade do pobo catalan. Mais non é previsible un conflito armado porque neste terreo o poder español non ten contricante.

Os problemas de Solidaritat

GC.- Vostede é dirixente de Solidaritat per la Independencia. Que lle sucedeu a este partido para perder toda a súa representación nos pasados comicios cataláns?
JR.- Nas eleccións do 2010 só Solidaritat presentaba un programa rupturista e independentista. Mentres que esta mensaxe estivo compartida no 2012 por diversas forzas políticas que capitalizaron ao seu favor o voto útil ante a falta dunha única candidatura independentista. Solidaritat non foi quen, non soubo sumar adhesións nin entre os creadores de opinion nin entre a xente moza.

GC.- Agora, coa entrada das CUP, semella que hai tamén unha pelexa por ver quen é máis independentista.
JR.- A pugna que está por vir é a que porá a proba a coherencia das formulacións independentistas das diversas forzas politicas ante os acontecementos que van a desenvolverse no contexto dun conflito político entre os partidarios da orde española e os partidarios da liberdade catalana.

GC.- Tamén foi vostede o primeiro presidente da Associació Catalana de Amics de Israel. Outros como Pilar Rahola, Josep-Lluis Carod-Rovira, Jordi Pujol, Alfons Lopez Tena ou Joan B.Culla tamén son membros fundadores. Engancha a causa israelí en Catalunya?
JR.- Desde hai cen anos o sionismo foi observado con grande simpatía polo catalanismo de esquerdas e democrático. O franquismo primeiro e a hexemonía do progresismo abstracto e banal que foi hexemónico en Catalunya até hoxe teñen minorizado en parte este fenómeno.

Israel e independentismo

GC.- E é compatible ser independentista e de esquerdas co apoio a Israel?
JR.- O que é absolutamente incompatible é afirmar a liberdade de Catalunya e negar ese mesmo dereito a Israel.

GC.- E por que o resto da esquerda e do independentismo os tacha de colaboracionistas?
JR.- O sectarismo e o dogmatismo son atributos dos totalitarismos e o antisionismo é unha das súas expresións máis evidentes.

GC.- Cal cre que é a solución ao conflito palestino-israelí?
JR.- Non hai solucion posible mentres os estados arabes non recoñezan plenamente o dereito de Israel a existir acordado xa polas Nacións Unidas na súa Resolución 181 de 1947. Dous estados para dous pobos. Un estado xudeu para Israel e un estado árabe para Palestina. Pero isto non sucederá mentres a parte árabe non recoñeza o dereito de Israel a existir.

Comentarios