Os galegos dos campos nazis.


Por Sara Torreiro
Hitler suicidouse o 31 de abril de 1945. Parte das tropas aliadas xa gañaban posicións en Europa e os rusos estaban ás portas de Berlín. Por que non rematou o conflicto ata setembro dese mesmo ano?
Tras o suicidio do dictador, sucedeuno, durante tan só un día, pois suicidouse coa súa familia, o famoso ministro de propaganda Joseph Goebbels. A rendición tivo lugar o 7 de maio de 1945, a mans do último presidente da Alemaña nazi, Karl Dönitz, que capitulou ante os americanos.
A Alemaña de Hitler xa estaba fóra de combate, quen quedaba? Xapón. Os americanos levaban traballando varios anos na creación da bomba atómica, e cando xa conseguiron que fose unha realidade, os seus plans de usala, non mudaron. En vez de Alemaña, o destino foi Xapón. O 6 de agosto de 1945 o Enola Gay, guindou a primeira das bombas atómicas sobre Hiroshima. Malia os 70.000 mortos e outros tantos feridos, Xapón non se rendeu e Truman proseguiu coa súa mortal ofensiva. O 9 de agosto lanzouse a segunda bomba, desta volta sobre Nagasaki. No ataque faleceron 80.000 persoas. O 15 de agosto o emperador xaponés Hirohito anunciou publicamente a súa rendición e a capitulación asinous nun acoirazado estadounidense. A capitulación oficial asinouse o 2 de setembro do 1945, seis anos e un día despois de que o conflito mundial máis mortífero comezase.

Os macabros descubrimentos

Conforme os aliados ían gañando posicións foron descubrindo os horrores dos campos de concentración da Alemaña nazi. Estes cumprían unha función de detención e traballo forzoso, pero nunha segunda fase, apareceron os campos de exterminio, que eran fábricas de morte, con gas e fusilamentos. O primeiro foi Chelmno, que se abriu no Warthegau, a parte de Polonia anexada a Alemaña. O campo de exterminio máis grande era Auschwitz-Birkenau, en Polonia, que para a primaveira de 1943, operaba con catro cámaras de gas.
Malia a ser un dos primeiros campos en ser instalado, no 1939, e un dos últimos en ser liberado, no 1945, Ravensbrück é un dos campos máis descoñecido. Se Auschwitz foi a capital do crime contra os xudíos, Ravensbrück, foi a das mulleres. Nel leváronse a cabo crimes de xénero, como abortos forzosos, esterilizacións ou prostitución forzada. Para alí leváronse parte das cámaras desmanteladas en Auschwitz e morreron, na última exterminación masiva nazi, unhas 6.000 mulleres. 

Os galegos dos campos nazis
O historiador Enrique Barrera, co seu libro Galegos en Mauthausen, calcula que foron uns mil galegos aos campos alemáns, dos que morreron 200. Xa non quedan supervivintes. O último deles finou en Teis sen que ninguén tivese a ocorrencia de facerlle unha entrevista. Para recuperar historias persoais, Barrera repasou arquivos de Mauthausen, nos que os nazis apuntaban o sitio e data de nacemento de cada recluso, e asignábanlles un número de identificación. Tamén abriu rexistros municipais e levou a cabo unha ampla tarefa de campo.

O goberno francés rendeuse cando os nazis romperon a Liña Maginot e as autoridades alemanas e españolas acordaron enviar uns 9.000 republicanos a campos de exterminio
Das persoas que Barrera rescata do esquecemento destaca, se cadra, a de Víctor Manuel, de Ares. Era suboficial da Marina no bando republicano. Cando Franco acadou o poder, marchou a Francia para salvar a vida e, como moitos outros, foi internado nun campo de refuxiados. Ao comezo da II Guerra Mundial, reclutárono para unha compañía de traballadores estranxeiros, que facía tarefas de apoio ao exército francés. O goberno francés rendeuse cando os nazis romperon a Liña Maginot e as autoridades alemanas e españolas acordaron enviar uns 9.000 republicanos a campos de exterminio. Víctor Manuel sobreviviu en Mauthausen a base de carapelas e patacas crúas e grazas a unha "medio moza", filla dun proveedor que lle daba comida a escondidas, segundo lle relatou a un dos seus sobriños no 1962. 
Como se menciona ao comezo do artigo, nos campos de presos non existía un programa de asasinato masivo. Alí aproveitaban a forza de traballo dos reclusos e dábanlles a mínima comida ata que o deterioro lles impedía traballar máis. Daquela, matábanos e incinerábanos en fornos crematorios. Precisamente, nun destes traballou Víctor. Outros presos, enfermos físicos ou mentais acababan no Castelo de Hartheim onde os sometían a experimentos científicos e logo gaseábanos. Varios galegos tamén figuran nos rexistros de Hartheim.

Jesús Morgade Feal
 só tiña 21 anos cando embarcou nun pesqueiro rumbo á costa gala. Conseguiu chegar a América pero, á súa volta, os alemáns collérono e foi deportado a Mauthausen e despois trasladado a Gusen. Sobreviviu e foi liberado en maio do 1945.Cando saíu do campo, Víctor Manuel precisou varios anos para paliar a severa desnutrición. Volveu a Francia onde, tras a guerra, os nomes dos españois liberados poñíanse nas igrexas, por se alguén quería reclamalos. Preto de Montpellier había unha comunidade de exiliados do seu mesmo municipio. Cando viron o seu nome contactaron con el e trasladouse canda eles. Traballou como mestre de obras e promotor inmobiliario e casou cunha española exiliada. 
Mellor sorte tivo Marcelino Pardal, afiliado á CNT, que xogara no Racing de Ferrol. Cando os nazis viron a súa destreza, alistárono no equipo del campo. As SS organizaban partidos entre os distintos campos, por motivos propagandísticos ou de simple entretemento, e os presos que xogaban adoitaban estar en mellores condicións que o resto.
Son só tres nomes de todos os que pasaron polo macabro xogo dos nazis coa vida humana. En Ares, un monumento conmemorativo recorda aos galegos que tamén tiveron unha tirada (en ocasións definitiva) en tan tráxica partida. Falta a placa en Auschwitz, onde xa están colocadas outras de diversas comunidades autónomas. Porque a memoria é o único xeito de restituír a dignidade. 

Comentarios