Por Afonso Vázquez-Monxardín
Vendo as fotos do atentado en Constantinopla –permítanme que lle chame así, pola vella-, ao pé do obelisco de Teodosio, lembrei a inscrición que ten na súa base e que fala dos traballos para traer tan inmenso “espeto” de pedra desde Alexandría en Exipto ata aquel lugar do hipódromo estambulí, alá polo ano 390 d.c. Certo que o obelisco partiu e que en vez de trinta metros, como outros, mide só 18, pero isto permitiulles poñer esa base cuns baixoreleves preciosos e unhas inscricións en grego e latín que falaban da historia da translación da pedra. A primeira palabra, sintetizadora do proceso, e coa que varias veces bromeei cos alumnos, é “DIFFICILIS”. Efectivamente, se “difícilis” foi traer o obelisco, “difícilis” tamén é entender o atentado e a vesania con que se está actuando conta a humanidade e a inxenuidade de moito occidental que, supoñemos, fará rir aos planificadores do terror. Como cando as críticas en cascada ao bispo de Valencia por dicir que entre os refuxiados podía haber de todo, e que había que distinguir o grao da palla. Só a socialdemocracia alemá ten hoxe ollos na cara.
E nestas andaba cando vin que en Yakarta o centro do novo ataque fora unha franquicia da cafetería Starbucks. E pensei. E tecín datos. E volvín pensar. Adiante e atrás. Desde Goebles, coas súas impecables teorías da propaganda –aquelas de que unha mentira repetida mil veces convertíase en verdade- ata a o crego musulmán Safwat Hegazy –dirixente dos irmáns musulmáns de Exipto, hoxe no cárcere- que encirrou en xaneiro de 2009 unha campaña contra os Starbucks porque, dicía, a imaxe do logo era da Raiña Esther, aquela xudía que convencera ao seu home, o rei Xerxes I de non exterminar ao seu pobo.
Claro. E fíando, fiando, vin a grande equivocación de moitos occidentais progresistas, que cren usando máis as orellas có cerebro, todo canto impulso negativo lle chegue dos “americanos”, dos “israelís”, dos “europeos”, dos “cregos”. Así pois, ás palabras de Safwat Hegazy son reintrepretadas polos impulsores das campañas de Boicot a Israel, e fan accións contra as franquicias do Starbucks por toda Europa. Vexan, por exemplo, no Youtube o feito en Dublín hai uns meses. Claro que tamén poden ver, como os mesmos grupos ameazaban á sala Bataclán, antes do atentado. E que teñen que ver o Starbucks e o Bataclán con Israel, ou os artistas, cantantes, profesores univesitarios, e mesmo produtos israelís, co goberno daquel país? Nada. Starbucks é unha empresa americana, fundada por un americano nado no seo dunha familia de modestos inmigrantes xudeus, Howard Schoultz. e a outra unha empresa francesa, tamén propiedade hoxe, seica, duns xudeus.
Que teñen en común o cantante norteamericano Matisayahu, e a cantante israelí Noa? Seren xudeus. Logo estamos falando de simple antisemitismo. Ou sexa racismo. E hai que ter coidado cos boicots e as palabras grosas –os nazis comezaron só escribindo nos escaparates e pedindo boicots- porque a violencia verbal é un camiño errado, e sempre hai atolados, descerebrados que acaban deixando eses camiños de odio e carraxe para coller por autopistas de terror e sangue.
Comentarios